Preto de 30.000 docentes acreditaron xa as súas competencias dixitais a través do procedemento da Xunta

O prazo para facelo continúa aberto ata o 30 de setembro

A acreditación pódese realizar por tres vías: de oficio, a través do recoñecemento de títulos oficiais ou por un proceso de análise e validación de evidencias

Galicia converteuse na primeira comunidade autónoma en implantar un sistema propio de acreditación dixital para docentes, que tamén se estendeu ao alumnado

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2024

Ata o vindeiro 30 de setembro, a Xunta de Galicia mantén aberto o prazo para que o profesorado galego que o desexe poida acreditar a súa Competencia Dixital Docente, de acordo co procedemento para tal fin publicado no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito poderán contar cun recoñecemento oficial con validez a nivel estatal das habilidades adquiridas neste eido.

Preto de 30.000 profesores do sistema educativo galego recibiron xa a súa acreditación da competencia dixital docente impulsada polo Goberno galego por primeira vez. Deste xeito, Galicia converteuse na primeira comunidade autónoma do Estado en implantar este modelo para os docentes, estendido tamén ao alumnado.

O obxectivo deste procedemento é que os profesores obteñan unha acreditación das habilidades adquiridas, similar ao sistema de acreditación dos coñecementos en linguas estranxeiras, e que están baseados no Marco de Competencia Dixital Docente con seis niveis diferentes (do A1 ao C2) e con validez a nivel estatal. Os docentes acreditados recibirán o documento oficial que certifica o nivel de competencia dixital acadado, válido para todo o territorio nacional.

Nesta convocatoria regúlase a obtención do recoñecemento mediante tres vías que son a acreditación de oficio a través da observación do desempeño do seu traballo, a acreditación polo procedemento de recoñecemento de títulos oficiais que habiliten para a profesión docente e a acreditación por un proceso de análise e validación das evidencias.

Data de actualización: 20/08/2024