A Xunta abre o prazo das axudas de 150.000€ para proxectos que divulguen a cultura xacobea

Turismo de Galicia vén de abrir o prazo das axudas destinadas a Asociacións Amigas do Camiño que teñen ata o vindeiro 16 de setembro para presentar as súas iniciativas

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2024

Turismo de Galicia, a través da S.A do Plan do Xacobeo, vén de abrir a convocatoria da nova edición da liña de axudas dirixida ás Asociacións Amigas do Camiño de Santiago para contribuír á dinamización, desde a sociedade civil, da cultura xacobea e todo o que esta implica tanto en España como a nivel internacional. A Xunta de Galicia destina a subvencionar este tipo de proxectos un total de 150.000 euros.

A través destas axudas, o Goberno galego busca fomentar as sinerxías entre as diferentes asociacións do Camiño de cara a divulgar a cultura xacobea ao tempo que favorece a recuperación, mantemento e difusión do Camiño de Santiago.  Poden solicitar estas achegas todas aquelas asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades que teñan como finalidade a promoción das rutas xacobeas e a súa peregrinación e que recollan nos seus estatutos o desenvolvemento de accións relacionadas co Camiño.

Como se indica no Diario Oficial de Galicia (DOG), cada entidade só poderá presentar un proxecto ao abeiro desta convocatoria e estes deberán estar argumentados e xustificados para a súa formulación e achegar razóns da súa necesidade social ou insuficiencia de cobertura. Ademais, deberán ser viables economicamente e socialmente e terán que contar con capacidade técnica e organizativa para a súa realización. O importe máximo de axuda por proxecto é de 10.000 euros. As entidades deberán presentar as solicitudes por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e teñen de prazo ata o 16 de setembro.

Colaboración da sociedade

Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar as solicitudes presencialmente.

Turismo de Galicia vén convocando estas axudas desde 2017 no seu compromiso por promover a divulgación da cultura xacobea e fomentar o pensamento e investigación. Enmárcase, ademais, nos compromisos do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027 para seguir afondando na colaboración coas asociacións amigas do Camiño de Santiago.

Data de actualización: 15/08/2024