Máis dun milleiro de persoas aspirantes optan ao proceso selectivo para cubrir máis dun cento de prazas de Policía Local nunha trintena de concellos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a listaxe de persoas admitidas unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes

As probas de acceso por oposición libre comezarán na segunda quincena de setembro co test de coñecemento

A Academia Galega de Seguridade Pública publicará nas próximas semanas outras convocatorias correspondentes a 22 prazas de categoría de oficial e 11 de inspector

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2024

Máis dun milleiro de persoas presentaranse ao proceso selectivo para optar a 116 prazas  -84 por oposición libre e 32 por provisión de mobilidade- para os corpos de Policía Local de 32 concellos galegos, como se recolle nas listaxes provisionais de persoas admitidas publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O proceso de acceso por oposición libre comezará na segunda quincena de setembro co primeiro dos cinco exercicios: un test de coñecemento de 100 preguntas sobre o temario publicado, así como a proba de coñecementos do idioma galego para as persoas que non estean exentas. As persoas aspirantes que superen esta fase deberán someterse ás probas de aptitude física -velocidade, potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación- e, a continuación, ás psicotécnicas -intelixencia, personalidade e entrevista persoal, ademais do recoñecemento médico.

Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo, na Academia Galega de Seguridade Pública e os futuros axentes formarán parte da 17ª promoción de Policía Local da Agasp. Cómpre aclarar que collerán o relevo do alumnado da 16ª promoción que actualmente se está a formar na Academia e que o próximo mes de outubro, despois de estar de prácticas estes meses de verán nos seus concellos de destino, volverán ás aulas para rematar a formación teórica e poder ser nomeados funcionarios de carreira.   

Por outra parte, a provisión por mobilidade do proceso selectivo de Policía Local vai destinada a policías xa en exercicio que cambian de concello mediante sistema de concurso, segundo o baremo de méritos publicado.

Os concellos que publican prazas nesta convocatoria por algunha das dúas modalidades  son A Coruña, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cedeira, Malpica, Melide, Narón, Pontedeume, Ribeira, Sada, Santiago de Compostela, Teo, na provincia da Coruña; A Guarda, Baiona, Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; os concellos lucenses de Chantada, Lugo e Ribadeo e o ourensán do Barco de Valdeorras.

Próximas convocatorias

Cómpre engadir que nas próximas semanas están pendente de publicación no DOG outras dúas convocatorias. Trátase, por unha banda, de 22 prazas -15 por promoción interna e sete por provisión de mobilidade- para categoría de oficial dos corpos de Policía Local nos concellos coruñeses de Boiro, Carballo e Santiago de Compostela, nos ponvedreses de A Guarda, A Illa de Arousa e Vigo e no concello de Lugo.

O outro proceso corresponde a 11 vacantes -oito por promoción interna e tres por provisión de mobilidade- de inspector en cinco municipios da comunidade: Boiro, Santiago de Compostela, O Barco de Valdeorras, Redondela e Vigo.

Polo tanto, Boiro, Santiago de Compostela e Vigo convocan vacantes nestas dúas categorías de Policía Local.

O prazo para inscribirse nestas convocatorias comezará despois de que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

A provisión por mobilidade, ao igual que no proceso da categoría de Policía Local, vai destinada a oficiais e inspectores xa en exercicio que cambian de municipio por concurso, de conformidade co baremo de méritos publicado na convocatoria correspondente.

Na promoción interna o procedemento de selección será o de concurso-oposición. Deste axeito a fase de concurso non terá carácter eliminatorio e consistirá na valoración dos méritos alegados e xustificados, segundo o baremo publicado nas bases. No que se refire á fase de oposición contará con 3 exercicios: un test de coñecemento de 120 preguntas e un caso práctico relacionado co temario publicado e unha proba de coñecementos do idioma galego salvo para as persoas que estean exentas. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo, tamén na AGASP para cada categoría.

Proceso de selección unitario

A finais do ano 2017 a Xunta aprobou e publicou o decreto 115/2017 para regular a cooperación da Xunta cos concellos que, voluntariamente, decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. O obxectivo desta iniciativa é aforrar xestións, orzamento e tempo ás entidades locais, ao tempo que se dota ao proceso de maior transparencia e axilidade. Ademais, a confección de listas única facilita tamén a contratación.

Data de actualización: 14/08/2024