A Xunta reforzará as frecuencias de autobús durante as festas da Laracha e da parroquia de Bértoa de Carballo

Os reforzos levaranse a cabo nos servizos de última hora nas saídas desde A Coruña e Carballo e adicionais a primeira hora do día seguinte a estes dous destinos  

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2024

A Xunta reforzará as frecuencias de autobús mañá e o sábado 17 de agosto con motivo das festas da Laracha e o xoves 15 e o sábado 17 debido ás da parroquia de Bértoa en Carballo co obxectivo de facilitar os desprazamentos das persoas asistentes. Os reforzos produciranse nos servizos de última hora nas saídas desde A Coruña e Carballo e activaranse servizos adicionais a primeira hora con destino a Carballo e A Coruña.

Deste xeito, das saídas de última hora desde A Coruña reforzarase o servizo das 22,00  horas desde a parada de Entrexardíns mañá e o venres 16  e o das 22,30 horas desde a estación de autobuses o venres 15 e o sábado 17, ambos con destino a Laracha e Bértoa. No caso das saídas de última hora desde Carballo, reforzarase a saída das 21,15 horas cara A Laracha e Bértoa.

Por outra banda, no que se refire aos servizos adicionais a primeira hora do día seguinte, ofreceranse extra a primeira hora da mañá cara Carballo e A Coruña.

A Xunta, coa posta en marcha destes servizos especiais, quere facilitar mellores alternativas de viaxe en transporte público, de xeito que se reduzan os riscos da condución nocturna despois de xornadas de lecer, e se aminore o impacto medioambiental e sobre o tráfico.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 13/08/2024