Alfonso Villares estuda vías de colaboración coa Asociación de Mariñeiros Xubilados ‘A Moncloa’ de Burela

Burela (Lugo), 12 de agosto de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo un encontro con representantes da Asociación de Mariñeiros Xubilados da Moncloa de Burela para estudar posibles vías de colaboración entre este colectivo e a Consellería do Mar. Na reunión, tivo lugar na sede da entidade, o responsable autonómico puido coñecer a colección de imaxes en posesión desta asociación entorno á historia da industria pesqueira burelense así como aparellos e utensilios de diferentes embarcacións que serven de testemuñas da evolución tecnolóxica que viviu a pesca nas últimas décadas.

O conselleiro do Mar, acompañado pola directora territorial da Consellería, Mariña Gueimunde, enxalzou o traballo desta entidade á hora de poñer en valor a cultura marítima da localidade e o papel da pesca no desenvolvemento económico do concello mariñán. Así, manifestou o compromiso do Goberno galego en poñer en valor ese pasado apoiando iniciativas que difundan e divulguen a historia pesqueira de Galicia e as súas xentes do mar. Nesta liña, destacou que é grazas ao traballo e esforzo de todos eses profesionais polo que o sector da pesca galega é hoxe un referente internacional, operando en todos os caladoiros do mundo, e un modelo de boas prácticas e calidade dos seus produtos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2024