A Xunta pon de relevo os 240 proxectos atendidos no marco do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Silleda

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, mantivo hoxe un encontro cos técnicos e beneficiarios deste Polo

Destacou que o centro leva atendido xa arredor de 240 proxectos, o 61% deles promovidos por mulleres

A Rede de polos conta xa con 14 oficinas en todo o territorio galego, dúas delas na provincia de Pontevedra

No total de toda a Comunidade, esta iniciativa xa prestou axuda a máis de 2.200 proxectos e realizou 6.000 titorías desde xullo de 2022

Silleda (Pontevedra), 12 de agosto de 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e o secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, visitaron hoxe o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Silleda, no que se presta asesoramento individualizado e gratuíto a calquera persoa que queira emprender un negocio ou consolidar o que xa ten. Esta oficina é unha das dúas en funcionamento actualmente na provincia de Pontevedra, xunto coa do Porriño, e á que proximamente se lle sumará un novo laboratorio en Vilanova de Arousa.

Durante a súa visita, a directora xeral mantivo un encontro cos representantes de dous dos proxectos atendidos no Polo: unha consultora enerxética para particulares, empresas e institucións e unha iniciativa de fotografía especializada nos campos da arquitectura, a inmobiliaria e o paisaxismo.  

Alí, Marta Mariño puxo en valor os arredor de 240 proxectos atendidos por este centro desde a súa apertura, o 61% deles impulsados por mulleres, e as máis de 650 titorías realizadas ás persoas emprendedoras por parte do persoal técnico especializado. Canto á temática dos proxectos asesorados no Polo de Silleda, predomina o comercio (21%), seguido das actividades profesionais, científicas e técnicas (11%) e da hostalaría (10%).

No que respecta ao total da actividade dos Polos da provincia de Pontevedra, o total dos proxectos atendidos ata o de agora é de máis de 600, incluíndo preto de 1.300 titorías e e máis dun centenar de actividades, entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos. Tamén destacan os específicos de remuda, orientados a fomentar o proceso de transmisión de negocios que xa están en funcionamento por mor da xubilación dos actuais propietarios.

Impulso ao emprendemento con foco no rural

A Xunta ten en marcha diferentes actuacións innovadoras orientadas a dinamizar a economía local e fomentar a creación de emprego de calidade, incrementando tamén o emprendemento, como eixos fundamentais de vertebración e cohesión do territorio galego e de fixación de poboación no rural.

Froito diso, Europa vén de recoñecer Galicia recentemente co premio á Rexión Emprendedora 2025, salientando deste xeito medidas do Goberno galego como o impulso da Rede de polos de emprendemento. Posta en marcha hai dous anos, a través das 14 oficinas que funcionan actualmente en Galicia, xa se atenderon 2.200 proxectos empresariais en diferentes fases e realizáronse preto de 6.100 titorías.

Tamén destacan outras accións, como o Mapa do Emprendemento virtual -con 190 entidades xa adheridas, que integrará todos os axentes, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia- ou o proxecto piloto de coliving, en colaboración coa asociación Sende, no concello ourensán de Lobeira, para atraer nómades dixitais ao rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2024