O presidente participou no Capítulo Serenísimo da LXXII edición da Festa do Albariño de Cambados

Rueda destaca o sector vitivinícola como un dos atractivos turísticos de Galicia

Cambados (Pontevedra), 4 de agosto de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe o sector vitivinícola como un dos atractivos turísticos de Galicia. O titular do Executivo galego lembrou que a Comunidade conta con “moitos sitios referentes que se poden visitar durante todo o ano”, e destacou que entre os principais activos se atopan “o viño que aquí se fai, como se fai, onde se fai, e quen o fai”.

Así o destacou hoxe durante a súa participación no Capítulo Serenísimo da LXXII Festa do Albariño, que remata hoxe en Cambados e que se ten consolidado como unha das principais citas do calendario estival, recoñecida tamén como Festa de Interese Turístico Internacional.

O presidente da Xunta, que louvou o traballo de todos os adegueiros e viticultores e o papel da Festa do Albariño,  apostou por seguir impulsando todas as potencialidades e sinerxías que ten Galicia no ámbito do turismo, a enoloxía e a gastronomía.

Neste sentido, cómpre recordar que o Goberno galego apoia ao sector vitivinícola con axudas á comercialización, á reestruturación, ou á promoción internacional, así como aos consellos reguladores. Ademais, a Xunta ten impulsado un Plan territorial de enogastronomía, dotado con 34,5 M€ e financiado con fondos Next Generation, co obxectivo de promover este tipo de turismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2024