A conselleira do Medio Rural presidiu o acto de peche desta iniciativa formativa e a entrega de mencións ás mellores explotacións en Lalín

María José Gómez reafirma a aposta da Xunta pola remuda xeracional no agro na clausura da IV Escola de Iniciación de futuros gandeiros

Nesta cita, a titular de Medio Rural animou á mocidade a seguir vencellada ao rural e a apostar por el, aproveitando o apoio que se lle presta por parte do Goberno autonómico

Lembrou que nesta lexislatura porase en marcha un Plan de fomento da remuda xeracional “amplo e cunha perspectiva transversal, baseado na formación, a sensibilización e a incorporación ao agro”

Fixo mención ás axudas para mozos e ao impulso á Formación Profesional Dual como algunhas das iniciativas da Xunta neste eido

Lalín (Pontevedra), 30 de xullo de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo alcalde de Lalín, José Crespo; e o presidente da Federación Frisona Galega (Fefriga), Manuel Sandamil; animou hoxe á mocidade “a seguir vencellada ao rural e a apostar por el, aproveitando o apoio que se lle presta por parte da Xunta de Galicia”. Na clausura da IV Escola de iniciación de futuros gandeiros e entrega de mencións ás mellores explotacións, organizada por Fefriga e o Clube de Xóvenes Gandeiros, puxo en valor as diferentes liñas de traballo do Goberno autonómico a prol da remuda xeracional no agro.

Así, a conselleira resaltou o investimento de 164 millóns de euros en axudas xestionadas pola Xunta, que propiciou a incorporación á actividade agrogandeira en Galicia duns 5.000 mozos. Trasladou ademais que neste ano 2024 o número de solicitudes para esta liña de achegas ascendeu a máis de 400 e salientou tamén que se puxo en marcha, por primeira vez, unha nova convocatoria de subvencións específica para persoas de entre 41 e 55 anos, que rexistrou máis de 170 solicitudes.

A maiores, Gómez lembrou que nesta lexislatura porase en marcha por parte do Goberno autonómico un Plan de fomento da remuda xeracional “amplo e cunha perspectiva transversal, baseado na formación, a sensibilización e a incorporación ao agro”. Nesta liña, remarcou, dende a Consellería “buscamos revalorizar e visibilizar na sociedade en xeral as profesións vinculadas ao campo”.

Formación para o rural

En relación específica coa formación para o rural, a conselleira reiterou a aposta da Xunta por iniciativas como a Formación Profesional Dual, con novos ciclos que se estrearán o vindeiro curso 2024-2025, en liña coa Consellería do Educación, nos seis centros propios da Consellería no territorio galego, destacando a “formación práctica para que poidades ter un contacto máis directo coa realidade laboral e cos profesionais, como o tivestes estes días en Mouriscade”.

Distincións honoríficas

Neste acto, Fefriga entregou as distincións honoríficas 2024 ás mellores explotacións de Galicia, concedidas a partir dos datos recollidos no control do rendemento leiteiro feitos polas diferentes asociacións provinciais de gandeiros para o control do rendemento leiteiro (Africores).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2024