A Xunta sinala a importancia da formación para facerlle fronte aos delitos relacionados coas novas tecnoloxías

O director xeral de Emerxencias e Interior participou na clausura da xornada ‘A transformación dixital, unha realidade irreversible na seguridade privada’

A Coruña, 30 de xullo de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá na clausura da xornada A transformación dixital, unha realidade irreversible na seguridade privada, onde destacou a importancia da formación para facerlle fronte ás ameazas cibernéticas e aos delitos relacionados coas novas tecnoloxías.

Santiago Villanueva incidiu no compromiso da Xunta coa formación dos profesionais da seguridade pública e privada a través da Academia Galega de Seguridade Pública, onde se imparten cursos e accións divulgativas tamén en relación co eido dixital. Segundo sinalou, é fundamental “contar con profesionais ben preparados na materia e que actualicen os coñecementos e as ferramentas necesarias para loitar contra os delitos informáticos, así como saber previr as ameazas, que avanzan a gran velocidade volvéndose máis sofisticadas”.

No encontro organizado pola Asociación Europea de profesionais para o coñecemento e regulación de actividades de seguridade cidadá (Aecra) e a Asociación de Xefes de Seguridade de España, o director xeral referiuse tamén á importancia da coordinación entre os servizos de seguridade privada e os corpos e forzas de seguridade no desenvolvemento do seu labor, como piares fundamentais na protección e defensa da cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2024