A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou un protocolo de colaboración coa presidenta de Viratec

A Xunta e o Clúster de Solucións Ambientais colaborarán no desenvolvemento de actividades de formación para avanzar cara á neutralidade climática

Ángeles Vázquez di que se levarán a cabo actuacións conxuntas no eido da mitigación, adaptación, investigación e concienciación fronte ao quecemento global en liña cos obxectivos establecidos na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a presidenta do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), Josefa de León, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración co obxectivo de desenvolver, entre outras, actividades formativas para avanzar cara á neutralidade climática.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, este protocolo pretende articular as bases sobre as que levar a cabo actuacións conxuntas no eido da mitigación, adaptación, investigación, desenvolvemento tecnolóxico e concienciación fronte ao quecemento global en liña cos obxectivos establecidos na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.

Así, desenvolveranse programas de actuación de cara a sensibilizar, concienciar e formar tanto á cidadanía como ao tecido produtivo sobre solucións ambientais que permitan que Galicia avance cara a un modelo de economía circular que contribúa a incrementar a resiliencia da Comunidade fronte ao cambio climático. Máis polo miúdo, esas actuacións concretaranse, en gran medida, na organización de xornadas, foros, eventos ou congresos para facilitar o intercambio de experiencias e coñecemento entre os diferentes actores do sector ambiental galego.

Nese senso, a conselleira subliñou a importancia de que administracións públicas e o tecido produtivo vaian da man en materias clave desde o punto de vista medioambiental e da sostibilidade económica.

Nesa liña, a Xunta puxo en marcha a Alianza galega polo clima -que conta xa con ao redor de 150 entidades adheridas entre universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas- co obxectivo de conectar o tecido produtivo e social galego de forma transversal, conxunta e coordinada co obxectivo de tecer estratexias e acelerar a adopción de prácticas de sostibilidade ambiental que contribúan a loitar contra o cambio climático e a que Galicia acade a neutralidade climática no menor tempo posible.

De feito, Viratec, que vén de celebrar unha asemblea xeral extraordinaria na que elixiu ao seu novo cadro directivo, está adherido á Alianza galega polo clima. A presidenta da entidade, Josefa de León, considera que esta colaboración permitirá avanzar o sector industrial galego cara a unha economía circular, implementando solucións ambientais innovadoras, que farán a economía galega máis competitiva.

Cómpre lembrar que Viratec é un ecosistema de cooperación público-privada que xera sinerxías entre distintas áreas de coñecemento, promove a I+D+i, mellora a formación e crea oportunidades de internacionalización, para contribuír ao desenvolvemento sostible da sociedade galega e a preservación do seu medio ambiente, baixo os principios da economía circular.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2024