O Gaiás acumula máis de 2.000 asistentes no seu ‘Verán en familia’ antes do último espectáculo deste mércores

De ‘Vilatriste a Vilalegre’, unha proposta de teatro de monicreques que se enmarca no 40º aniversario do Centro Dramático Galego, pon o broche final á iniciativa

Este espectáculo da Utópica Rodante, que terá lugar no Xardín do teatro ás 19,00h, confronta a fantasía coa realidade social do rural galego

A programación de verán da Cidade da Cultura forma parte da campaña de actividades estivais ‘CulturON’ da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2024

O ciclo Verán en Familia da Cidade da Cultura chega ao seu fin o vindeiro mércores 31 de xullo co espectáculo De Vilatriste a Vilalegre, da Utópica Rodante. Esta proposta de teatro de monicreques está pensada para todos os públicos co fin de xerar comunidade ao redor das artes escénicas. A representación enmárcase no CulturON, a campaña da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que programa máis de 30 actividades diarias para todos os públicos en toda a xeografía galega.

O espectáculo De Vilatriste a Vilalegre, que pon o broche final ao Verán en Familia da Cidade da Cultura, é unha proposta escénica que confronta a fantasía coa realidade social do rural galego mesturando teatro de rúa, monicreques e humor. A cita terá lugar no Xardín do teatro ás 19,00 horas e a entrada é libre e de balde. A Cidade da Cultura convértese así nunha das máis de 100 sedes que acollen este espectáculo con motivo da celebración do 40º aniversario do Centro Dramático Galego. Este é a cuarta e última das xornadas que completan unha programación estival no Gaiás á que xa asistiron máis de 2.000 persoas ao longo do mes de xullo, e que converteu á Cidade da Cultura nun espazo diversión para todos os públicos con espectáculos de circo, música e teatro de compañías galegas, estatais e internacionais. 

A través de iniciativas como esta, a Xunta de Galicia continúa afondando no seu impulso a unha programación familiar na Cidade da Cultura capaz de xerar espazos nos que agrome un ocio a través do que persoas de todas as idades poidan divertirse e aprender en conxunto. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2024