Medio Rural destina máis de 3,5 M€ para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos no mercado interior

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de concesión da convocatoria de 2024 destas subvencións, que acadan un investimento subvencionable superior aos 5 millóns de euros e 69 actividades promocionais

A convocatoria, que é bianual, destina un importe de 2.544.000 euros para a anualidade de 2024 e 1 millón de euros para a de 2025

Isto permitirá financiar actuacións de promoción que se desenvolvan neste ano e tamén aquelas que se estendan ata o 30 de abril de 2025

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria das axudas da Consellería do Medio Rural para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior correspondentes ao 2024, cuxa dotación é de máis de 3,5 millóns de euros, cun investimento subvencionable superior aos 5 millóns. En total, subvencionaranse 69 actividades de consellos reguladores e asociacións de produtores.

A convocatoria, que é bianual, destina un importe de 2.544.000 euros para a anualidade de 2024 e 1 millón de euros para a de 2025. Isto permitirá financiar as campañas de promoción que se desenvolvan neste 2024 e tamén aquelas accións que se inicien neste ano e teñan continuidade no vindeiro ano, con data límite do 30 de abril. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Con estas axudas, os consellos reguladores e as asociacións de produtores beneficiarias poden afrontar as campañas de promoción, que inclúen a publicidade en todo tipo de medios; o material promocional; as degustacións; as misións comerciais; a asistencia a feiras galegas, nacionais e internacionais; a organización das feiras propias, maioritariamente dedicadas aos viños das distintas denominacións de orixe; e a realización de estudos de mercado ou xornadas divulgativas, entre outras accións.

A porcentaxe de axuda sobre os investimentos pode acadar o 70%, sendo incompatibles neste caso con outras axudas concedidas para os mesmos conceptos se superan ese límite.

Enlace á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240730/AnuncioG0528-190724-0001_gl.html.

Data de actualización: 30/07/2024