O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración reuniuse na súa visita á Arxentina e ao Uruguai con persoas beneficiarias destas bolsas BEME que concede a Xunta

A Xunta reafirma o apoio ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior para abrir novas oportunidades aos galegos da emigración

José González puxo en valor os galegos que están retornando grazas a estas bolsas, o que permite seguir atraendo perfís de alta cualificación á nosa Comunidade para dar cobertura ás vacantes laborais existentes ao tempo que se fixa poboación

Máis aló das bondades das BEME, debulloulles as vantaxes do Programa Retorna Cualifica Emprego que ofrece traballos en orixe de calidade -da man das empresas-, ademais de formación ao efecto e axudas para establecerse en Galicia

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de realizar nos últimos días unha viaxe oficial á Arxentina e ao Uruguai onde mantivo encontros con persoas beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que concede a Xunta de Galicia. Con elas, o Goberno autonómico busca atraer galegos residentes no exterior de alta cualificación, para cubrir vacantes laborais ao tempo que se fixa poboación, especialmente no noso rural.

En concreto, os representantes da Xunta reuníronse con beneficiarios destas bolsas para o curso 2024/2025. Na sede do Centro Orensano de Montevideo o encontro foi cunhas 60 persoas, mentres se roldou o cento de asistentes no Centro Galicia de Bos Aires.

Nas xuntanzas, ás que tamén asistiron respectivamente a delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez Alonso, e o da Arxentina, Alejandro López Dobarro, o conselleiro puxo en valor as 250 bolsas BEME concedidas para o vindeiro curso, agradecendo o interese da mocidade no exterior por participar desta iniciativa autonómica. Unha iniciativa que -segundo destacou- se seguirá potenciando e ampliando ao permitir afondar nas estratexias de retorno á vez que se dá resposta ás necesidades de persoal cualificado das nosas empresas.

Ademais de proporcionarlles información práctica e recomendacións, insistindo en que se apoien na Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, aos asistentes debulláronlles as vantaxes doutras medidas como o Programa Retorna Cualifica Emprego, que busca seguir ofrecendo en orixe traballos de calidade aos que noutrora emigraron ou aos seus fillos e netos, con formación orientada ao emprego e axudas para establecerse na nosa terra. Os representantes da Xunta recalcaron o pulo decidido que se lle quere dar a este programa, da man dunha colaboración estreita co tecido produtivo galego, co gallo de cubrir as súas demandas concretas de man de obra. Outra medida do Goberno galego neste ámbito é o programa Retorna Talento FP.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2024