Rueda e López Miras manteñen un encontro institucional

Murcia, 29 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o da Región de Murcia, Fernando López Miras, mantiveron esta tarde un encontro institucional na sede do Goberno da Rexión, onde o xefe do Executivo galego puido asinar no libro de honra. 

A reunión celebrouse na xornada previa ao acto que Rueda e López Miras manterán mañá para reforzar a cooperación entre o Xacobeo e o Ano Xubilar de Caravaca de la Cruz, que precisamente se celebra ao longo deste 2024. 

O turismo e a importancia dos respectivos xacobeos foron precisamente dous dos asuntos que estiveron sobre a mesa no encontro desta tarde, onde os dous mandatarios tamén falaron doutros asuntos de actualidade onde as comunidades autónomas deben xogar un papel relevante, como a repartición de inmigrantes ou a necesidade dun novo modelo de financiamento autonómico. 

Ambos coincidiron na necesidade de que se convoque canto antes unha Conferencia de Presidentes e que ninguén saia prexudicado do novo modelo, que en ningún caso debe ser resultado de negociacións bilaterais entre Goberno e comunidades concretas, senón negociarse nunha mesa multilateral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2024