A Xunta destina 2,7 millóns de euros á protección da poboación galega fronte ao meningococo B

Este investimento permitirá comprar en 2024 e 2025 un total de 46.000 doses da vacina para inmunizar as nenas e nenos de 2, 4 e 12 meses e a poboación de risco

A vacinación fronte ao meningococo do serogrupo B introduciuse de xeito sistemático no calendario galego de inmunización en novembro de 2022, xa que previamente só estaba financiada para determinados grupos de risco

O Programa Galego de Vacinación constitúe unha das liñas de traballo prioritarias na historia da Saúde Pública galega, dispoñendo Galicia do calendario de vacinación máis completo do mundo

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a contratación e subministración sucesiva da vacina fronte ao meningococo B (BEXSERO) no marco do Programa Galego de Vacinación xestionado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

O Executivo galego investirá 2.774.720 euros na protección da poboación galega fronte a unha bacteria que pode causar graves infeccións, como é o caso das septicemias ou da meninxite.

Durante o presente ano e no vindeiro 2025 a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade prevé a compra de 46.000 doses para inmunizar ás persoas que conforman a poboación galega susceptible de recibir esta vacina: nenos e nenas aos 2, 4 e 12 meses de idade, e poboación con condicións de risco.

A vacinación fronte ao meningococo do serogrupo B introduciuse de xeito sistemático no calendario galego en novembro de 2022 xa que previamente só estaba financiada para determinados grupos de risco (asplenia anatómica ou funcional, deficiencias do sistema de complemento, tratamentos con eculizumab, transplante de proxenitores hematopoyéticos, antecedentes de enfermidade meningocócica invasora e persoal de laboratorio exposto a meningococos).

O expediente autorizado esta mañá polo Executivo galego estenderase até o ano 2025, podendo ser prorrogado durante un período de 12 meses máis, co que acadaría neste caso un valor estimado de 5.869.600 euros.

Galicia conta na actualidade co calendario de inmunización máis completo do mundo. O Programa Galego de Vacinación constitúe unha das liñas de traballo de maior historia entre as actividades de Saúde Pública, contando cun amplo consenso respecto á súa efectividade e eficiencia.

A xestión eficaz deste programa supón, necesariamente, a subministración de maneira permanente das diversas vacinas que se encontran incluídas no calendario de vacinación e outros produtos inmunolóxicos dirixidos aos adultos ou nenos baixo circunstancias especiais.

Data de actualización: 29/07/2024