Así o recolle o Diario Oficial de Galicia de hoxe

A Xunta publica as subvencións concedidas para a realización de programas de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais por importe de 1,2M€

As axudas, divididas en cinco liñas de actuación, financiarán programas estratéxicos para avanzar na mellora da saúde mental da poboación galega

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Consellería de Sanidade pola que se publican as subvencións concedidas polo Executivo galego para a realización de programas de interese xeral de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais. O importe total destas axudas, divididas en cinco liñas de actuación, acada 1.206.867 euros.

Mediante esta orde de subvencións aglutínanse a maior parte das axudas do departamento sanitario galego ao trastorno mental, financiando programas estratéxicos para avanzar na mellora da saúde mental da poboación galega.

As actuacións subvencionadas teñen unha enorme repercusión posto que, entre outras finalidades,  posibilitan realizar actividades de prevención e promoción da saúde mental e os estilos de vida saudables dirixidos a persoas con trastorno mental e os seus coidadores; de redución do estigma da enfermidade mental; de información, orientación e asesoramento sobre saúde mental en recursos especializados; de protección da saúde mental infantil; ou de capacitación do voluntariado para a atención a quen padeza un trastorno mental severo.

Tamén posibilitan a realización de proxectos de formación de profesionais de entidades de iniciativa social orientados a mellorar a capacitación na detección de persoas en risco de presentar un trastorno mental; de apoio psicosocial aos que padecen trastorno de personalidade e os seus achegados; e, ademais, de trastornos da conduta alimentaria.

Xunto ao anterior, as actividades subvencionadas posibilitan programas sociosanitarios de rehabilitación de persoas afectadas por ludopatía e adicción alcohólica; os dirixidos á procura de emprego das persoas cun trastorno mental ou aditivo; os de inserción social e laboral para aqueles con problemas xurídicos con trastornos mentais ou aditivos; e de atención xurídico social aos que padecen trastorno mental severo.

Liñas de actuación

Na primeira liña de actuación, referida a proxectos de investimento en melloras nos centros sanitarios cuxa actividade principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais ou preventivos en materia de trastornos mentais, incluídos os adictivos, as entidades ás que lle foron concedidas as axudas son: Fundación Lar pro Saúde Mental; Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (Feafes); Asociación Alume Saúde Mental; Cruz Vermella Española; Fundación Érguete Integración; Asociación Xaruma; Andaina Pro Saúde Mental e Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (Alborada).

Na segunda liña de actuación, para programas de intervención comunitaria en persoas con trastorno mental, as subvencións concedéronse á Fundación Social e Educativa Dignidade; Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector; Cáritas Federadas Santiago de Compostela; Alume Saúde Mental; Asociación Agalure; Xaruma; Érguete; Fundación Ingada; Asociación Bulímicos e Anoréxicos da Coruña; Fundación Lar pro Saúde Mental; Alborada; Feafes; Provivienda; Andaina pro Saúde Mental; Avelaiña; Aliad Ultreia; Emaus Fundación Social; Morea; e Asociación Lenda de Saúde Mental.

En canto á liña de programas de prevención do desenvolvemento de contornas protectoras no ámbito dixital e prevención terciaria en adiccións comportamentais e outras adiccións, as entidades beneficiarias da axuda son Alborada; Agalure; Lar pro Saúde Mental; Cáritas Santiago; Red Araña; e Érguete Baixo Miño.

Na liña 4, de programas de incorporación social e fomento do emprego en persoas con trastornos mentais, as entidades que reciben subvención son Cáritas Santiago; Alume; Xaruma; Andaina pro Saúde Mental; Érguete Integración; Feafes; Provivienda; Alborada; Lar pro Saúde Mental; Red Araña; Agalure; e Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental.

Na quinta liña de acción, para programas de prevención de suicidio e posvención, as entidades que resultaron beneficiarias das axudas son Cruz Vermella Española; Alume; Andaina pro Saúde Mental; Lar pro Saúde Mental; Arraianas; Alborada; e Feafes.

Data de actualización: 29/07/2024