Rueda destaca que Galicia garante un ano máis de estabilidade coa aprobación dun teito de gasto para 2025 de 13.954 M€, o máis alto da historia da comunidade

Salienta que é un límite de gasto “ambicioso, pero razoable” que permite avanzar no camiño para aprobar “en tempo e forma” os orzamentos de 2025

 O Goberno galego esgotará ao máximo a súa capacidade de gasto seguindo a taxa de referencia autorizada polo Goberno central, un 3,2 %

O límite de gasto calculouse coas novas regras fiscais fixadas pola Unión Europea

Corgos destacada que isto permitirá “reforzar os servizos públicos, axudar ás familias e ás empresas, impulsar políticas de vivenda e favorecer investimentos que apoien o crecemento económico “

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Goberno autonómico garante un ano máis de estabilidade coa aprobación hoxe, no Consello do límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2025, que ascende a 13.954 millóns de euros, o máis alto da historia de Galicia e “un 2,5% máis que no actual exercicio”. “É un teito de gasto ambiocioso, pero razoable”, indicou.

Deste xeito, tal e como salientou o presidente, Galicia avanza un ano máis no camiño cara aprobar os orzamentos “en tempo e forma”. “Xa fomos a primeira comunidade en aprobalos o ano pasado”, indicou tras lembrar que isto é un sinal da “seriedade e estabilidade” que ofrece o Goberno autonómico.  

Tal e como aprobou hoxe o Consello, a Xunta esgotará ao máximo a súa capacidade de gasto seguindo a taxa de referencia autorizada polo Goberno central, dun 3,2 %, sen ter en conta os fondos Next Generation. 

Deste xeito, segundo lembrou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, cumpre co establecido na lei galega de disciplina orzamentaria de 2011 e aproba o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior autorización. Este límite establece o máximo gasto que se pode acadar no proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia, que se fai dentro do novo marco fiscal aprobado pola UE no 30 de abril de 2024. 

Os Orzamentos 2025, que de novo se aprobarán en tempo e forma, permitirán “reforzar e modernizar os servizos públicos, axudar ás familias e ás empresas, impulsar as políticas de vivenda e favorecer investimentos que apoien o crecemento económico. Todo iso sen recorrer ao endebedamento”, indicou Corgos. 

Cadro macroeconómico

Ademais da aprobación do teito de gasto, Rueda explicou que a Xunta actualiza “con prudencia” o seu cadro macroeconómico para este exercicio e mellora tanto a estimación de crecemento do PIB como a taxa de paro para este 2024.

En canto ao crecemento da economía galega, o Goberno autonómico prevé un avance de dúas décimas sobre o inicialmente estimado, ao pasar do 1,9% fixado nos orzamentos en vigor, ao 2,1%. En canto á taxa de paro, cómpre salientar que a Xunta xa conseguiu reducila do 10% por primeira vez desde hai 15 anos e, para este 2024, prevé que a media do ano se sitúe ata o 9,2%, dúas décimas menos do provisto inicialmente.

Para o ano 2025 seguirase a consolidar esa senda económica, encadeando así cinco anos de crecemento sostible, cun avance do PIB do 1,8% e unha taxa de desemprego que seguirá baixando, ata o 9,1%.

Unhas cifra que, segundo resaltou Corgos, van permitir “cinco anos de crecemento sostido en Galicia” e dar “a estabilidade” necesaria para “dar resposta aos retos da comunidade”.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2024