Rueda destaca que a Xunta destina a contía máis elevada dos últimos cinco anos para impulsar no verán un total de 535 pequenas obras en 389 centros educativos

Salienta que se realizará un investimento de 12,5 millóns de euros para actuacións como melloras en cubertas, aseos, ventás ou instalacións de ascensores, no marco do novo Plan de benestar e accesibilidade na escola

Apunta que ademais este ano se están acometendo 139 obras de maior envergadura como ampliacións, rehabilitacións integrais e obras de eficiencia enerxética, que concentran 71,3 M€ de investimento

Isto supón actuar no 50 % dos centros públicos desde infantil ata FP

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a Administración autonómica está a impulsar este verán un total de 535 pequenas obras de mellora en 389 centros educativos, cun investimento de preto de 12,5 M€, o que supón “o maior investimento nos últimos cinco anos” neste eido.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP deu conta ante o Consello da Xunta da planificación dos traballos que se estar a levar a cabo a través do novo Plan de benestar e accesibilidade na escola, Ben_Estar 2024, que, tal e como lembrou Rueda, abranguen “pequenas actuacións todas elas moi necesarias” como melloras en cubertas, aseos, ventás ou instalación de ascensores.

Todas estas obras están enfocadas a acadar un maior confort e sustentabilidade nas aulas, tal e como marca o Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia, a folla de ruta en materia de mellora de infraestruturas educativas aprobada en 2021 cun investimento inicial de 191 M€ que foi ampliado ata os 243 M€ actuais. Tal e como sinalou o máximo responsable do Goberno galego, o obxectivo deste plan é “mellorar os centros escolares e convertelos en centros modernos, accesibles, e sustentables”.

Neste sentido, na provincia da Coruña lévanse a cabo 222 pequenas intervencións en 151 centros por un importe de preto de 4,3 M€, 105 actuacións en 78 centros da provincia de Lugo por 2 M€, 118 en 73 centros de Ourense por 2,8 M€ e 90 actuacións en 87 da provincia de Pontevedra que aglutinan preto de 3,4 M€.

Grandes actuacións durante todo o ano

Paralelamente, tal e como recordou o presidente da Xunta, de cara á renovación e mantemento dos centros de ensino públicos galegos para o curso 2024/25, a Administración autonómica está a realizar un total 139 obras de grande envergadura como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras de eficiencia enerxética que se atopan en distintas fases (xa en execución ou ben en fase de licitación ou de adxudicación), cun importe que acada os 71,3 M€ de investimento. Trátase de obra planificadas para todo o ano 2024, dado que o seu prazo de execución é de varios anos, pero que tamén van recibir un maior impulso durante a época estival, coincidindo co período non lectivo.

O conxunto das intervencións -entre grandes actuacións e pequenas obras de verán- chegan ao 50 % dos centros públicos que funcionan en Galicia entre escolas infantís, colexios, institutos e centros de FP. Por provincias, actúase en 210 centros da Coruña por un importe de 33,34 M€, en 100 centros de Lugo que suman 7,8 M€ de investimento, 86 de Ourense por un importe de case 8,3 M€ e 131 da provincia de Pontevedra por máis de 34,3 M€.

No que atinxe ás 139 grandes actuacións, son as que concentran a meirande parte do orzamento, cun investimento de 71,3 M€ en 138 centros educativos. Delas, 74 están xa en execución mentres que 42 están xa adxudicadas e pendentes de comezar e 23 en fase de licitación. Por provincias, 59 acométense na da Coruña (máis de 29 M€), 22 en Lugo (5,8 M€), 14 en Ourense (5,4 M€) e 44 en Pontevedra (preto de 31 M€). 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2024