Rueda anuncia que a Xunta porá en marcha un proxecto piloto de aplicación da intelixencia artificial ao diagnóstico precoz do cancro de mama

Salienta que o obxectivo é “reducir ata un terzo” as lesións malignas que poden pasar desapercibidas nunha lectura convencional de mamografías e permitir avaliar máis probas en menos tempo

A iniciativa, que se levará a cabo en todas as unidades de Análise Radiolóxica durante catro meses, suporá un investimento de 35.000 euros 

Realizaranse un mínimo de 35.000 estudos de mamografía empregando un software baseado en intelixencia artificial para a lectura en 3D que axudará aos radiólogo na análise das probas

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que o Servizo Galego de Saúde vai poñer en marcha este mes de xullo “un proxecto piloto para mellorar o diagnóstico do cancro de mama a través da intelixencia artificial”. 

O obxectivo, tal e como resaltou, é “mellorar a detección de lesións malignas en fases temperás” e poder examinar un maior número de probas “en menor tempo”. En concreto, sinalou que a previsión “é reducir ata un terzo” as lesións que poden pasar desapercibidas nunha lectura convencional das mamografías. Para iso, os radiólogo contará cun software de intelixencia artificial que lles permitirá facer unha lectura máis precisa das probas analizadas.

Nesta liña cómpre resaltar que estudos recentes demostran melloras en sensibilidade e especificidade dos radiólogos ao usar sistemas de intelixencia artificial sen incrementar o tempo de lectura. En consecuencia, unha maior detección precoz mellorará o prognóstico e reducirá a mortalidade, ademais de redundar nun menor gasto sanitario.

O proxecto piloto, que conta cun orzamento da Xunta de 35.000 euros e cunha duración de catro meses, levarase a cabo en todas as unidades de Análise Radiolóxica, comezando pola Unidade Radiolóxica 3 da Coruña, por ser “a que máis radiografías de mama realiza”, segundo explicou o presidente. 

No marco desta iniciativa realizaranse un mínimo de 35.000 estudos de mamografía empregando un software baseado en intelixencia artificial para apoiar aos radiólogos na lectura das mamografías 3D. 

Deste xeito, neses catro meses que durará o proxecto piloto, un certo número de estudos radiolóxicos de usuarias do Programa galego de detección precoz de cancro de mama serán avaliados con intelixencia artificial, conxuntamente coa dobre lectura radiolóxica independente. Os resultados serán contrastados cos obtidos para un período similar dalgún ano previo recente no que só se fixo a dobre lectura. “No caso de ser satisfactoria”, indicou Rueda, o obxectivo da Xunta é estender o “uso desta ferramenta” nas unidades de radioloxía de todo o Sergas.

Con esta medida, a Xunta quere conseguir varios obxectivos de mellora no Programa galego de detección precoz do cancro de mama. En primeiro lugar, téntase incrementar a precisión na detección de lesións malignas nas mamografías e apoiar aos radiólogos mediante a automatización da análise das mamografías, permitindo un diagnóstico máis rápido e preciso, e reducindo a carga de traballo destes profesionais. Ademais, incrementarase a garantía de equidade no diagnóstico en calquera punto da xeografía galega.

Este proxecto reforza o compromiso da Consellería de Sanidade coa innovación e a mellora continúa dos servizos sanitarios e supón un paso crucial cara á incorporación de tecnoloxías avanzadas no ámbito da saúde en Galicia. A súa realización resulta imprescindible antes de decidir a incorporación definitiva da intelixencia artificial ao diagnóstico radiolóxico.

Fitos destacados do programa

O Programa galego de detección precoz de cancro de mama iniciouse en 1992 coa finalidade de reducir a mortalidade por esta patoloxía mediante a detección temperá da enfermidade. Ao longo dos anos, o programa acadou varios fitos significativos. Así, no 2006 logrouse a cobertura universal, asegurando que todas as mulleres galegas, comprendidas no rango de idade,  tivesen acceso a mamografías bienais.

En 2013, ampliouse o rango de idade de cribado, permitindo que mulleres de 50 a 69 anos participasen no programa. Isto aumentou considerablemente a poboación obxectivo e mellorou a detección temperá nun grupo máis amplo.

No 2014 comezáronse a utilizar mamografías dixitais en lugar das analóxicas, mellorando a precisión e eficiencia do cribado. No ano 2018 un informe destacou unha redución significativa na mortalidade por cancro de mama en Galicia, atribuída ao éxito do programa  e ao tratamento axeitado dos casos detectados.

No 2020 introducíronse programas de seguimento personalizado para mulleres con alto risco de cancro de mama, ofrecendo seguimento máis frecuente e exames adicionais cando fora necesario.

No 2023  ampliouse o rango de idade da poboación diana para participar no programa ata os 74 anos de idade.

Xunto ao anterior, tamén se puxeron en marcha numerosas campañas para fomentar a participación e educar a poboación sobre a importancia da detección precoz.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2024