O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración estivo hoxe coa comunidade galega na Arxentina

José González salienta en Bos Aires o reforzo do compromiso da Xunta cos galegos no exterior

O conselleiro mantivo un encontro cos presidentes das entidades galegas na Arxentina, sinalando que sen elas non se podería falar “da terra nai con maiúsculas, que nos enche de orgullo o corazón e que vai con nós onde queira que vaiamos”

Foi no marco da Gran Romería Galega do Centro Galicia de Bos Aires, “unha mostra da nosa riqueza cultural e folclórica e da unión e solidariedade dos galegos e galegas da emigración para manter vivo o seu legado” á que asistiron máis de 2.000 persoas

Bos Aires (A Arxentina), 28 de xullo de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e do delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, mantivo hoxe un encontro coas entidades galegas no país, no marco da Gran Romería Galega do Centro Galicia de Bos Aires. Alí, salientou o firme compromiso da Xunta coa colectividade do exterior para garantir a preservación da orixe e da identidade galegas no mundo.

Primeiramente, no encontro cos presidentes das entidades galegas na Arxentina, o titular de Emprego agradeceu o seu traballo e sinalou que sen elas “non habería xeito de falar da terra nai con maiúsculas, unha terra que nos enche de orgullo o corazón e que vai con nós onde queira que vaiamos, máis aló de fronteiras”. 

Engadiu que ese labor permite “seguir mantendo vivos os lazos con Galicia e España, eses lazos invisibles que nos unen para sempre”. De cara ao futuro, aseverou, é primordial que “fortalezamos o papel das entidades galegas na Arxentina para garantir o seu futuro e a súa relevancia na diáspora”.

Gran Romería Galega

José González enxalzou a Gran Romería Galega do Centro Galicia de Bos Aires como “unha mostra máis da riqueza cultural e folclórica de Galicia, así como da unión e da solidariedade dos galegos e galegas da emigración para manter vivo o seu legado”. 

Ante máis de 2.000 persoas, o conselleiro reafirmou tamén o apoio continuo do Goberno galego aos centros do exterior, agradecendo o importante labor que realizan e destacando o seu papel fundamental para preservar a cultura galega.

Cómpre sinalar que a Gran Romaría Galega, celebrada no Centro Galicia de Bos Aires, congregou a 250 artistas e máis de 20 casas galegas da Arxentina, con grupos procedentes de Bos Aires, Rosario, Rafaela e La Plata. Este acto reafirma o compromiso da Xunta de Galicia coa súa diáspora, co obxectivo de fortalecer os lazos que unen a comunidade galega en todo o mundo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2024