O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou nun encontro cos presidentes das entidades galegas en Montevideo, entre outros actos

A Xunta enxalza o labor das entidades galegas no Uruguai a prol da nosa lingua e da nosa cultura

José González puxo de relevo o compromiso do Goberno autonómico coa comunidade galega neste país, “traballando incansablemente para apoiar as nosas entidades e preservar as nosas tradicións”

O conselleiro tamén visitou a exposición Viaxeiros, mariñeiros e emigrantes, onde destacou as contribucións dos galegos na diáspora; e asistiu ao Festival de grupos culturais do Centro Galego de Montevideo

Montevideo (O Uruguai), 28 de xullo de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e pola delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez Alonso, vén de manter un encontro cos presidentes das entidades galegas en Montevideo na sede da Delegación da Xunta neste país. Alí destacou o compromiso do Goberno autonómico coa comunidade galega no Uruguai “traballando incansablemente para apoiar as nosas entidades e preservar as nosas tradicións”, poñendo en valor o seu “encomiable labor” para preservar a cultura e lingua galegas.

No encontro, representantes da Xunta e presidentes de todas as entidades analizaron as necesidades actuais da colectividade galega e abordaron a importancia de adaptar as institucións galegas á realidade social do século XXI. 

Nesta liña, González apelou a un “período de reflexión e acción colectiva para fortalecer o papel das entidades galegas no Uruguai e garantir o seu futuro na diáspora galega”.

Nas súas palabras, “o noso compromiso é estar ao voso lado, apoiando as vosas iniciativas e traballando xuntos para un futuro próspero e unido para a nosa comunidade galega”.

Exposición Viaxeiros, mariñeiros e emigrantes

Ademais, José González visitou a exposición Viaxeiros, mariñeiros e emigrantes no Museo Histórico del Cabildo e alí subliñou a relevancia histórica e emocional da mostra, que pon en valor as vivencias e contribucións dos galegos na diáspora e o vínculo profundo entre Galicia e os seus descendentes no exterior. Así mesmo, reafirmou a aposta do Goberno galego por preservar e potenciar a identidade galega a nivel global.

Na compañía da directora do museo, Rosana Carrete, e da artista convidada Agustina Villar, ambas de raíces galegas, a delegación autonómica comprobou que esta exposición destaca as historias de vida, os logros e as dificultades dos galegos que emigraron, ofrecendo unha perspectiva íntima e emotiva sobre a súa influencia e legado no Uruguai. Neste sentido, o conselleiro valorou a importancia de iniciativas coma esta para recordar e honrar estas historias, así como para manter vivos os lazos culturais e históricos que unen a Galicia coas súas comunidades no exterior.

Festival cultural

Nas últimas horas, José González tamén asistiu ao Festival de grupos culturais do Centro Galego de Montevideo, onde destacou o intenso programa cultural e social levado a cabo no tempo por este Centro Galego como “testemuño do amor e do orgullo que sentimos polas nosas raíces”. 

Neste programa enmarcábase o festival que, en palabras do conselleiro, supón unha “mostra vibrante da diversidade e riqueza da cultura galega, ademais dun punto de encontro onde galegos e uruguaios comparten un mesmo sentimento de identidade e pertenza”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2024