López Campos destaca a calidade dos cursos internacionais ‘Música en Compostela’

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou na inauguración dunha nova edición desta iniciativa que recibiu en 2022 o Premio da Cultura Galega da Xunta

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou esta tarde na inauguración dos LXVI Cursos Universitarios Internacionais Música en Compostela, un acto no que deu a benvida ao alumnado participante nesta nova edición e no que destacou “a gran calidade deste programa e o labor de preservación, formación e difusión do patrimonio musical que permite, ademais, estreitar vínculos entre profesionais de España e do resto do mundo”.

Tal e como lembrou o representante de Cultura da Xunta a iniciativa recibiu no 2022 o Premio da Cultura Galega, convocado polo seu departamento. Neste senso, fixo fincapé na “gran traxectoria destes cursos que levan formando a persoas chegadas de distintos países ao longo de máis de 60 anos”, dixo, “acadando unha gran repercusión internacional e colocándose como un dos grandes proxectos culturais feitos desde Galicia”.

Os cursos teñen lugar cada ano en Santiago de maneira que as persoas que toman parte deles, intérpretes profesionais e estudantes de todo o mundo, reciben formación musical. Ademais, durante o seu desenvolvemento, organízanse concertos en espazos singulares da capital galega. Nesta edición, que rematará o 10 de agosto, está programada unha actuación de Cuarteto Lucent no Hostal dos Reis Católicos; o tradicional repertorio dos alumnos en A la luz de los candelabros en Pontevedra; e outras propostas musicais no Hospital Clínico e no Conservatorio Profesional de Música.

Sobre ‘Música en Compostela’

A súa creación foi iniciativa do mestre Andrés Segovia, apoiado polo diplomático José Miguez Ruiz Morales, quen era director xeral de Relacións Culturais do Ministerio de Asuntos Exteriores, e celébrase cada ano desde 1958.

Ademais do propio traballo de formación nas súas aulas, desenvólvese desde Compostela un programa extraordinario de concertos, conferencias, recitais, visitas culturais e a edición de libros e partituras. Entre outras distincións, en 1997 foille concedida a Medalla de Honra da Real Academia de Belas Artes de San Fernando polo seu labor continuado para que a música española chegue a coñecerse mellor en todo o mundo.

 

Data de actualización: 28/07/2024