O presidente participou na VIII Romaría internacional de Abanca

Rueda destaca a importancia da colaboración público-privada para consolidar Galicia coma unha terra atractiva para investir

 “É preciso seguir traballando con sentidiño para ofrecer estabilidade e transmitir que Galicia é unha comunidade acolledora”, resaltou

Salienta o papel dos galegos do exterior no futuro da comunidade autónoma e aposta por seguir impulsando as políticas de retorno 

Baiona (Pontevedra), 27 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da colaboración entre a administración pública e o sector privado para consolidar entre todos unha Galicia cada vez máis atractiva para investir. “É preciso seguir traballando con sentidiño, con seguridade xurídica para ofrecer estabilidade e transmitir cara a fora que Galicia é unha terra acolledora”, indicou.

Así o sinalou hoxe durante a súa participación na VIII Romaría internacional de Abanca, que reúne a un gran número dos seus clientes non residentes e onde agradeceu o compromiso da Galicia exterior, que ten contribuído ao progreso da comunidade autónoma “ao non esquecer nunca” as súas orixes á vez que están plenamente “integrados” nos lugares de destino. “Os galegos temos unha esencia, unha identidade que nos distingue para ben e que é unha importante vantaxe se o sabemos aproveitar”, resaltou.

Rueda lembrou que Galicia é agora “unha terra de acollida” na que a Xunta traballa tanto para dar impulso a iniciativas industriais viables coma para favorecer o retorno de todos aqueles galegos que queiran realizar aquí o seu proxecto de vida a través da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, que inclúe máis de 100 medidas.

O Goberno galego conta con diferentes iniciativas para apoiar ás empresas que queren investir na comunidade como a Oficina Económica de Galicia; a axilización, co compromiso de tramitar en menos dun ano os proxectos de máis envergadura; o fondo público-privado que se impulsará cun capital de 300 millóns de euros; ou o solo industrial a custe cero durante os primeiros 8 anos, unha das medidas comprometidas e cumpridas para os primeiros 100 días de Goberno.

E para facilitar o retorno dos galegos no exterior, ofrécense axudas ao emprendemento; Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) para galegos de alta cualificación; unha rede de oficinas de asesoramento; traballos de calidade en orixe, a través do programa Retorna Cualifica Emprego; e tamén se impulsarán feiras de emprego inicialmente na Arxentina e no Uruguai para que as empresas poidan contratar directamente alí.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2024