O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración reuniuse co ministro de Trabajo y Seguridad Social uruguaio, entre outros encontros

A Xunta pon de relevo no Uruguai a súa aposta polo emprendemento e pola xeración de emprego para fixar poboación no rural

Na súa reunión co ministro, José González destacou ferramentas como a Rede de polos de emprendemento ou a pioneira aplicación da intelixencia artificial nas oficinas de emprego para casar oferta con demanda, na que se amosaron interesados

Tamén se reuniu con empresarios e con colectividade galega no Uruguai, ademais de visitar o Hogar Español de Ancianos

Nas próximas horas, verase con entidades galegas en Montevideo, ademais de visitar a exposición Viaxeiros, mariñeiros e emigrantes e de asistir ao Festival de grupos culturais do Centro Galego da capital uruguaia 

Montevideo (O Uruguai), 27 de xullo de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, continúa a súa viaxe oficial pola Arxentina e O Uruguai, que o levou a reunirse co ministro de Trabajo y Seguridad Social uruguaio, Mario Aristi, para establecer sinerxías en materia de emprego tendo en conta non só o importante papel do empresariado galego afincado no país no desenvolvemento da súa economía, senón tamén as posibilidades de crecemento que ofrece a colaboración entre ambas administracións. 

Entre as cuestións que trataron, na compañía tamén da delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez Alonso, do subsecretario do Ministerio de Trabajo y Seguridad Social uruguaio, Daniel Pérez, e do inspector xeral de Trabajo y Seguridad Social, Tomás Teijeiro,  incluíuse a estratexia que fixo a Galicia merecedora do recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025. Dita estratexia, segundo explicaron, fundaméntase en medidas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego do Goberno autonómico que con 14 centros activos na actualidade está conseguindo dinamizar a economía galega e fixando poboación, especialmente no rural. 

Así mesmo, os representantes do executivo uruguaio amosaron interese pola ferramenta EMi de intelixencia artificial pioneira en España e en Europa e que -aplicada nas 54 oficinas de emprego da nosa Comunidade- está axudar a casar oferta e demanda en tempo real, para dar resposta ás necesidades concretas de perfís profesionais das nosas empresas. 

A situación óptima de Galicia para seguir xerando riqueza e emprego tamén centrou a reunión que o conselleiro e o secretario xeral da Emigración, xunto coa delegada da Xunta no Uruguai, mantiveron con representantes da Asociación de Empresarios Gallegos del Uruguay (AEGU).  No encontro agradecéuselles o compromiso coa promoción e captación de investimentos, subliñando a importancia do seu traballo para fortalecer os lazos económicos entre Galicia e O Uruguai.

Colectividade galega no Uruguai

A axenda oficial tamén incluíu un encontro coa colectividade galega no Uruguai no Centro Orensano de Montevideo, no que participaron preto dun cento de persoas e que permitiu fortalecer as relacións coa diáspora e reafirmar o compromiso de apoio por parte da Xunta de Galicia. Alí, o conselleiro expresou que “como ourensán síntome orgulloso de ver como os centros que representan a miña provincia no exterior manteñen vivos os lazos con Galicia”. 

Tamén visitaron o Hogar Español de Ancianos, onde os representantes autonómicos departiron coas persoas residentes que alí conviven compartindo as súas experiencias e lembranzas do seu país de orixe. Nas instalacións, José González comprometeuse a asegurar a continuidade do centro no marco da colaboración da Xunta coas institución sociais que acollen os galegos no exterior, destacando a súa relevancia como punto de encontro e apoio para as persoas de máis idade.

Resto da axenda no Uruguai

Nas próximas horas, os representantes autonómicos manterán un encontro cos presidentes das entidades galegas en Montevideo, para abordar o futuro deste tipo de institucións como garantes da cultura e lingua galegas. 

Así mesmo, e antes de volver á Arxentina, visitarán a exposición Viaxeiros, mariñeiros e emigrantes, sobre historias de vida, logros e dificultades dos galegos que emigraron; e asistirán ao Festival de grupos culturais do Centro Galego de Montevideo. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2024