López Campos salienta as actividades lúdicas e educativas da primeira edición do ‘Rock Camp’

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola directora Xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe aos participantes na primeira edición do Rock Camp, o campamento organizado pola Xunta de Galicia e que se leva a acabo nas instalacións do Monte do Gozo onde salientou o amplo abano de propostas, tanto de aprendizaxe como de diversión, que ofrece esta iniciativa musical.

Na visita, o titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou a oferta de máis de 11.500 prazas en campamentos que se ofertaron no marco da campaña O teu mellor verán. No caso do Rock Camp, iniciativa que se leva a cabo por primeira vez e que está organizada pola asociación A Casa do Rock, participan 20 rapaces por quenda e promóvese a creatividade e a aplicación de coñecementos no eido da composición, a linguaxe musical ou o son. A formación de bandas, as Jam Sessions ou as veladas musicais completan o catálogo de actividades que comezaron o día 21 e que rematan este domingo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2024