A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e o conselleiro de Sanidade visitaron un areal de Noia para ofrecer recomendacións sobre a exposición solar

A Xunta lembra a necesidade de protexerse fronte aos efectos do sol durante o verán

Ángeles Vázquez destaca o esforzo que vén realizando MeteoGalicia para ofrecer unha detallada información sobre a radiación ultravioleta

Gómez Caamaño incide na importancia que teñen as campañas informativas e a prevención nos coidados da pel

Noia (A Coruña), 27 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia lembra a necesidade de protexerse fronte aos efectos do sol durante o verán e invita á cidadanía a desfrutar das praias dunha forma segura e responsable. Así o salientaron hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no areal de Boa Grande, en Noia, onde estiveron acompañados pola dermatóloga Sabela Rodríguez.

Logo de incidir nas consecuencias negativas que pode ter o sol para a saúde se non se toma con responsabilidade, Ángeles Vázquez destacou o esforzo que vén realizando MeteoGalicia para ofrecer unha detallada información sobre a radiación ultravioleta.

Así, ademais de estar adherida desde o primeiro momento ao programa de comunicación de risco neste eido da Organización Mundial da Saúde e da Organización Mundial de Meteoroloxía, Galicia conta con cinco medidores da radiación, cuxos datos se ofrecen en tempo real na páxina web de MeteoGalicia, o que nos sitúa como “unha das comunidades que monitoriza de xeito máis completo esta cuestión”, aseverou a conselleira.

Esta medición compleméntase cos modelos de previsión, co que se ofrece á cidadanía información actualizada e de utilidade dos concellos e das praias para coñecer o índice de radiación ultravioleta ao longo do día e saber cando a exposición é menos perigosa para a saúde. Deste xeito, poden previrse danos á hora de tomar o sol ou realizar actividades ao aire libre.

A maiores, MeteoGalicia conta cunha operativa ante episodios de calor na que se teñen en conta o valor medio das temperaturas durante toda a xornada en cada municipio para o que, previamente, se calculan os valores que se poden considerar elevados para cada concello.

Deste xeito, se a media dun determinado día é superior a esta, darase un aviso para ese municipio concreto -amarelo, laranxa ou vermello-. No caso de que estes episodios de calor duren polo menos tres días e afecten a un número considerable de concellos, decretarase a situación de vaga de calor por parte da Consellería de Sanidade. Nesta liña, Ángeles Vázquez puxo en valor “a coordinación entre consellerías para que a información chegue aos cidadáns”.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade incidiu na importancia que teñen as campañas informativas e a prevención nos coidados da pel. Así, destacou que protexer a pel no presente contribúe a reducir a posibilidade de desenvolver algún tipo de complicación no futuro, como pode ser o melanoma.

"Debemos coidarnos do sol, empregar protector solar e evitar a exposición ao sol nas horas centrais do día, nas que a radiación é máis perigosa", remarcou.

Nesta liña, Gómez Caamaño salientou que a Sanidade pública galega conta con diversos recursos para atender o cancro de pel, unha enfermidade que na actualidade ocupa o primeiro posto no ranking de tumores con maior incidencia entre a poboación caucásica, e que se estima que desenvolverán preto do 50% das persoas maiores de 65 anos.

Así, a Sanidade galega avanzou nos últimos anos no tratamento e o diagnóstico desta doenza, dotándose dunha vía rápida do melanoma, dun comité de expertos na enfermidade e un rexistro de pacientes, que permite coñecer a evolución de cada caso.

"Quero aproveitar esta xornada para apelar ao sentidiño" incidiu o conselleiro, quen convidou á poboación galega a facer un uso responsable do sol.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2024