A Xunta colabora coa 38ª Feira do bonito de Burela, que se celebra a fin de semana do 3 e 4 de agosto

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participaron na presentación da programación deste ano 

Burela (Lugo), 26 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia apoia un ano máis a Feira do Bonito de Burela, que alcanza a súa 38ª edición a fin de semana do 3 e 4 de agosto. Dende o ano 2019 conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participaron hoxe na presentación do programa xunto cos organizadores e representantes das demais entidades colaboradoras. 

Os responsables autonómicos puxeron en valor a longa traxectoria desta cita gastronómica, unha das máis emblemáticas da Mariña. Destacaron a súa importancia “para promocionar un produto que proporciona a Burela unha proxección nacional moi relevante e repercute en todos os sectores de actividade da vila, incluído o turístico”. A feira conta co apoio do Goberno galego para asumir os custes de organización e a difusión das actividades.

Subliñaron o compromiso da Consellería do Mar co sector pesqueiro de Burela a través de campañas promocionais para fomentar o consumo dos produtos do mar e tamén coa mellora das infraestruturas portuarias.

Entre as máis recentes impulsadas este ano no porto burelés destacaron a renovación de 56 novas defensas e cinco morróns de grandes dimensións para reforzar a seguridade da frota e mellorar as condicións de amarre; a renovación das portas dos departamentos do punto limpo; o acondicionamento do firme na zona de manobras de carga e descarga de mercadorías do peirao comercial ou o proxecto para reforzar o dique de abrigo.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 26/07/2024