O Goberno central rectifica e inclúe a Galicia no Proxecto Viena que permitirá construir 301 vivendas protexidas en 4 solos da Sareb na comunidade

A incorporación da comunidade ao programa fora unha das demandas efectuadas pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na reunión mantida en maio coa ministra Isabel Rodríguez, reiterada posteriormente por carta e no encontro da pasada semana en Betanzos

Os catro solos onde se construirá vivenda protexida sitúanse nos concellos de Ribeira, Cangas e Lugo

M. Allegue reitera a capacidade de xestión e de cumprimento da Xunta e amosa a disposición do Goberno galego “para seguir afondando nesta colaboración que nos permita seguir incrementando o parque público de vivenda no noso territorio, ofrecendo vivenda pública accesible aos diferentes colectivos que a demandan”

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, vén de destacar a rectificación do Goberno central ao incluír agora Galicia no proxecto Viena, que permitirá construír 301 vivendas de promoción autonómica en catro solos da Sareb na comunidade. 

A inclusión de Galicia neste programa fora unha das reclamacións que M. Allegue realizara á ministra de Vivenda y Agenda Urbana, Isabel Rodríguez, na reunión mantida en Madrid o pasado 8 de maio, e posteriormente reiterada tamén por carta. 

Os solos propiedade da Sareb onde se construirá VPA sitúanse nos concellos de Ribeira (concretamente na avenida da Coruña); Cangas (na avenida de Ourense) e Lugo (con solos na Rúa Orquídea e na rúa dos Paxariños). A través do programa Viena, a Sareb pon solo á disposición dos promotores para que constrúan vivendas para alugueiro que, pasado o prazo de concesión, pasarán a mans dos concellos ou das comunidades autónomas ás que Sareb transfira a actuación antes da extinción da sociedade.

Martínez Allegue remitiu hoxe unha nova carta á ministra na que sinala que a Xunta seguirá a reclamar a cesión gratuíta das vivendas propiedade da Sareb en Galicia, “co obxectivo de poder destinalas a alugueiro social”, como fora ratificado tamén polo Parlamento galego a través de dúas Proposicións Non de Lei aprobadas na Comisión 2ª de Ordenación territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do 3 de maio e 11 de xuño.

Así mesmo, a conselleira volveu amosar á titular de Vivienda a disposición do Goberno galego “para coñecer ou avanzar en posibles ampliacións de solos finalistas libres de propiedade da Sareb en Galicia nas próximas fases do proxecto Viena”.

M. Allegue reiterou a capacidade de xestión e de cumprimento con los compromisos adquiridos da Xunta, “non en vano Galicia foi das primeiras comunidades autónomas en asinar convenios de colaboración coa Sareb” e sinalou a vontade seguir afondando nesta colaboración “que nos permita seguir incrementando o parque público de vivenda no noso territorio, ofrecendo vivenda pública accesible aos diferentes colectivos que a demandan”.

Data de actualización: 26/07/2024