O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu a reunión deste órgano

O Consello asesor en intelixencia artificial do sistema público de saúde de Galicia analiza o anteproxecto de Lei da Xunta na materia

Galicia é pioneira na regulación dos novos modelos de uso das tecnoloxías no sector público e impulsa un innovador proxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial

As novas tecnoloxías resultan estratéxicas en moitas áreas da saúde, especialmente no diagnóstico de enfermidades e na predición de posibles riscos e novas patoloxías 

Os bos resultados da intelixencia artificial aplicada á saúde nos últimos anos leva a impulsar o seu uso, de xeito regulado e harmonizado 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu esta semana unha nova reunión do Consello Técnico Asesor en intelixencia artificial e espazo de datos do Sistema Público de Saúde de Galicia que analizou o contido do anteproxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial que vén de presentar a Xunta. 

Na xuntanza do Consello tamén participaron o xerente de ACIS, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa; o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón; e a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da AMTEGA, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo. 

O Consello Técnico Asesor en intelixencia artificial e espazo de datos do Sistema Público de Saúde de Galicia ten, entre as súas principais funcións, propoñer as medidas que se deben adoptar co fin de garantir un uso seguro e ético da intelixencia artificial e da xestión dos datos, en colaboración coas liñas de traballo establecidas no Nodo Galego de Intelixencia Artificial.

É un órgano colexiado creado para o asesoramento da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde no deseño e na proposta das políticas en materia de intelixencia artificial no que participan persoas con formación nesta materia en ámbitos conexos como o dereito sanitario ou a bioética, entre outros, coa finalidade de que poidan desenvolver axeitadamente as súas funcións.

O principal asunto abordado na reunión celebrada esta pasada semana foi  o anteproxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, que o Executivo galego ten en exposición pública ata o 31 de xullo.

Galicia pioneira

Galicia é pioneira na regulación dos novos modelos de actuación e de emprego das tecnoloxías no sector público e acaba de presentar este innovador proxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial co que pretende aliñar as normativas das comunidade co próximo Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial, manténdose na vangarda tecnolóxica.

O anteproxecto de lei, apoiado pola Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, ten como obxectivos principais establecer principios éticos para o deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de intelixencia artificial na administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como recoñecer e protexer os dereitos da cidadanía en relación cos sistemas de intelixencia artificial utilizados pola administración.

Outros dos obxectivos da nova  lei son crear un marco legal coherente cos valores e normativas europeas;  regular os procedementos de deseño e adquisición de sistemas de intelixencia artificial; fomentar a cooperación entre o sector público e privado para potenciar as oportunidades nesta materia;  atraer e reter talento cualificado en Galicia; e poñer en marcha programas de formación e capacitación en intelixencia artificial.

O proxecto de lei responde ao compromiso da Xunta por facilitar a incorporación de tecnoloxías dixitais de alto impacto, garantindo criterios éticos e de seguridade. Así mesmo, alíñase coas directrices do Parlamento de Galicia para adoptar o marco europeo antes da entrada en vigor do Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial en 2024.

Con esta nova lei, Galicia reafirma o seu compromiso coa innovación tecnolóxica e o desenvolvemento sostible, emprazándose como líder na regulación e aplicación da intelixencia artificial no sector público.

As novas tecnoloxías resultan estratéxicas en moitas áreas da saúde, especialmente en ámbitos como o diagnóstico de enfermidades ou na predición de posibles riscos e novas patoloxías que poidan xurdir nun paciente, todo iso, en función da análise de datos que se van recollendo progresivamente da cidadanía. 

Así, os bos resultados da intelixencia artificial aplicada á saúde pública nos últimos anos levou a que exista unha necesidade clara e decidida por impulsar o seu uso en sanidade, pero tamén por regular e harmonizar oportunamente esta tecnoloxía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2024