Rueda sinala as oportunidades que ofrece Galicia aos descendentes de galegos no Uruguai durante unha visita ao veleiro-escola ‘Capitán Miranda’

Destaca o carácter solidario de ambos pobos no pasado e no presente, apostando pola colaboración e o diálogo

Vigo, 26 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe as oportunidades que Galicia ofrece a todos os uruguaios e en especial aos descendentes de galegos emigrantes nunha visita ao buque-escola “Capitán Miranda” no que se reuniu con representantes da embaixada uruguaia en España.

Durante o acto, no que participaron a embaixadora de Uruguai en España, Ana Teresa Ayala, o cónsul de Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, Rueda agradeceu poder recoñecer todo o que une a Uruguai con España e Galicia e a acollida que os emigrantes galegos tiveron no Uruguai buscando unha vida mellor.

Neste sentido, sinalou que Galicia debe “corresponder ese cariño” e que “recibiremos cos brazos abertos a todos os uruguaios e, especialmente, aos descendentes de galegos”. Así, ao igual que os galegos emigrados puideron colaborar na construción do Uruguai do momento, hoxe os seus descendentes poden axudar a “construir a Galicia do futuro”.

Para o presidente da Xunta, con este acto ponse de manifesto o carácter solidario e acolledor de galegos e uruguaios nun barco que manda unha mensaxe de “concordia e de paz dende Uruguai a todo o mundo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2024