Xosé Merelles destaca que a revista científica Ad Limina contribúe ao engrandecemento do Xacobeo

Trátase dunha revista interdisciplinar que se vén publicando anualmente desde 2010

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou esta mañá en Santiago de Compostela, un novo número da revista científica Ad Limina, centrada en estudos do Camiño de Santiago e no fenómeno das peregrinacións. Xosé Merelles salientou a importancia desta publicación para analizar o Camiño como fenómeno social e global e a súa achega ao “engrandecemento deste fenómeno”.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia subliñou que “o mundo xacobeo é todo un universo que cada día se enriquece polas experiencias dos peregrinos que viven o Camiño”, pero “tamén o é por este tipo de publicacións que suman rigor científico, comparacións, estatísticas e novos campos aos xa tradicionais” de estudo.

Ad Limina é dunha publicación interdisciplinar que se vén editando desde 2010 con carácter anual, na que teñen cabida artigos de carácter científico sobre a historia, a arte, a iconografía, a literatura, a arqueoloxía, a música e a liturxia do Camiño e o Xacobeo. 

Pero ademais, tamén se inclúen outros de “áreas menos frecuentadas, como a antropoloxía, a xeografía, a medicina, a lexislación, o paisaxismo ou o medio ambiente, que nos últimos anos está a ter un importante impacto”, apuntou Xosé Merelles.

Referíndose ao número publicado este ano, o director de Turismo de Galicia subliñou que Ad Limina xa aborda na presentación como afecta a globalización a este fenómeno e cales son as súas implicacións sociais. 

Ademais, recolle outros aspectos como o paso de todo o que significa o Xacobeo para converterse nun campo de estudo, como as novas tecnoloxías axudan na realización do Camiño, como ver a arte e outras manifestacións nos distintos roteiros desde unha perspectiva formativa e por suposto a realización da peregrinación durante a pandemia en contacto coa natureza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2024