O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, mantiveron unha xuntanza coa presidenta da Asociación Galega de Musicoterapia, Montserrat López Merino

A Consellería de Sanidade aborda con AGAMUS as potencialidades da música con fins terapéuticos

A Xunta e a asociación colaboran no desenvolvemento de actividades de dinamización a través do son e da música no Hospital Universitario de Ourense

Con esta actividade búscase reducir a sensación de dor e a ansiedade dos pacientes, posto que a musicoterapia contribúe a distraer a súa atención

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta da Asociación Galega de Musicoterapia (AGAMUS), Montserrat López Merino, abordaron as potencialidades da música con fins terapéuticos.

Durante a reunión, que tivo lugar no Edificio Administrativo de San Lázaro e á que tamén asistiu o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, a presidenta de AGAMUS presentou a formación, pioneira en España, relacionada coa Musicoterapia Científica Aplicada, onde os estudantes musicoterapeutas fan prácticas dentro do voluntariado e rotación por toda Galicia.

A Xunta e a asociación veñen mantendo unha liña de colaboración para o desenvolvemento de actividade de dinamización a través do son e da música no Hospital Universitario de Ourense.

De feito, no pasado mes de xuño asinouse a prórroga, por catro anos máis, do acordo entre a Consellería de Sanidade e AGAMUS que foi rubricado en xuño de 2020 para o emprego do son e da música con fins terapéuticos.

Esta iniciativa trata de mellorar a realidade hospitalaria e a súa atención, a través de actividades de dinamización que se realizan na zona “Agora” e nas entradas dos andares de hospitalización, así como actividades de musicoterapia naqueles servizos do hospital que así o soliciten.

Estas actividades buscan reducir a sensación de dor dos pacientes, posto que coa axuda da musicoterapia pódese distraer a súa atención e diminuír a percepción de dor, ademais de reducir a ansiedade dos doentes e dos seus familiares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2024