O Observatorio da Sociedade da Información incorpora unha nova ferramenta que simplifica o acceso aos datos estatísticos

O portal do Osimga xa dispón dun cadro de mando con Business Intelligence que ofrece a información máis actualizada e completa sobre dixitalización en Galicia

Esta nova ferramenta permite personalizar as consultas, acceder ao histórico de datos, xerar gráficas e visualizar mapas sobre a dixitalización por provincias

Facilita unha actualización inmediata das estatísticas da sociedade dixital e está aberta a todo o público

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2024

O Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, xa conta cunha nova ferramenta que facilita as consultas sobre as estatísticas de dixitalización que publica periodicamente a través de informes e estudos para a avaliar a penetración das tecnoloxías na Comunidade.

Grazas á aplicación de tecnoloxías baseadas en Business Intelligence, os usuarios poderán acceder desde o portal do Osimga a un cadro de mando que permite personalizar as consultas; seleccionar os anos da serie histórica que se desexen visualizar e presentar un ou varios indicadores simultaneamente na mesma gráfica. Tamén permite modificar diferentes características do aspecto das gráficas.

Grazas á versatilidade da nova ferramenta de difusión, as actualizacións dos datos estatísticos da sociedade dixital iranse aplicando de forma inmediata, cando estean dispoñibles. Ademais, o cadro de mando permite a consulta das series históricas antigas, que se irán ampliando ano a ano.

Os datos que conten con desagregación a nivel provincial poden ser visualizados a través de mapas dinámicos integrados no propio cadro de mando.

O novo cadro de mando conta, tamén, cun apartado de resumo dos datos máis destacados e acceso á metodoloxía, fontes de datos e ao proxecto técnico que se aprobou, así como ao plan estatístico anual e á Lei de Estatística de Galicia.

Todas as funcionalidades descritas están xa dispoñibles en Osimga.gal, nun apartado específico na web denominado Cadro de Mando.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2024