A Xunta traslada aos empresarios as oportunidades de axuda para a dotación de banda longa a Pemes

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, reuniuse coa Comisión de Dixitalización da Confederación de Empresarios de Galicia

Na actualidade está en marcha unha convocatoria de axudas para o reforzo da conectividade en polígonos industriais e áreas loxísticas

Os empresarios recibiron tamén información sobre o anteproxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2024

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, mantivo esta semana un encontro cos integrantes da Comisión de Dixitalización, Innovación e Economía Verde da Confederación de Empresarios de Galicia na que informou sobre a nova convocatoria de axudas para a dotación de banda longa a Pemes en polígonos industriais e áreas loxísticas.

Estas axudas, que foron publicadas o pasado mércores no Diario Oficial de Galicia, forman parte das actuacións do programa Único xestionadas polas Comunidades Autónomas cunhas condicións predefinidas polo Estado. Esta liña de apoios a empresas conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros. As empresas poderán optar a axudas de ata 60.000 euros.

No encontro, que tivo lugar na Confederación de Empresarios de Galicia, o director da Axencia autonómica informou tamén sobre os contidos do anteproxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, que será debatida este ano polo Parlamento de Galicia. Cerviño trasladou aos empresarios que o texto legal prevé o establecemento de axudas e incentivos fiscais para proxectos empresariais que incorporen a intelixencia artificial. Tamén trasladou que a lei incide en aspectos como a formación ou a creación, retención e atracción de talento nesta materia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2024