A Xunta reforza o equipamento de rescate dos GES de Ponteceso, Muros, Quiroga, O Grove e Terra de Celanova

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na entrega de xogos de ferramentas para excarceración e coxíns pneumáticos para elevación de cargas

O equipamento forma parte da dotación coa que o Goberno galego apoia estes grupos na comunidade, no marco dos máis de 27M€ investidos en material de servizos de emerxencias municipais, tanto GES como Protección Civil

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe nunha nova entrega de equipamento a Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Trátase de tres xogos de ferramentas electro-hidráulicas para excarceración destinadas aos grupos con sede nos concellos de Ponteceso, Quiroga e O Grove, e de dous coxíns pneumáticos para elevación de cargas cedidos a Muros e á Mancomunidade Terra de Celanova. O material suma un orzamento global de 85.000 euros, cofinanciados pola Unión Europea a través do programa Feder de Galicia. 

Os xogos de ferramentas electro-hidráulicas para excarceración constan de ferramentas multifunción, cizallas, cilindros RAM, serras sable, baterías e cargadores. Os GES dótanse así das ferramentas axeitadas para corte, separación, elevación e tracción de altas prestacións en tarefas de rescate e actuacións en emerxencias, como accidentes de tráfico con persoas atrapadas e rescates en espazos confinados, estruturas colapsadas ou con excarceración de persoas, entre outras.

Pola súa banda, os xogos de coxíns pneumáticos para elevación de cargas inclúen seis unidades e os accesorios precisos para o seu uso en tarefas de salvamento e rescate, como manredutores de presión, mangueiras flexibles de aire, válvulas de seguridade e unidades de control.

O equipamento permitirá mellorar a eficacia das intervencións dos grupos nos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe e Malpica de Bergantiños, e de Muros, Carnota, Mazaricos e Outes, na provincia da Coruña, así como de Quiroga, Folgoso do Courel, A Pobra de Brollón e Ribas de Sil, na de Lugo. Na provincia de Ourense, a Mancomunidade Terra de Celanova cubre as localidades da Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea, e na de Pontevedra, o SMPC O Grove dálle servizo a este concello e, en caso necesario, intervén tamén en Meaño, Poio e Sanxenxo.

Diego Calvo lembrou o importante esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para dotar os efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios co obxectivo de que poidan levar a cabo as súas actuacións en condicións de seguridade, contribuíndo ademais a unha maior eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta.

A entrega de hoxe forma parte do reforzo de dotacións impulsado pola Xunta para apoiar o labor dos GES. Así, neste ano entregáronse tamén camións autobomba aos GES de Monterroso, Brión e Maceda, así como furgóns de servizos varios ao GES da Guarda, Mos e Lobios, que xunto ao material cedido hoxe suman un custe superior a 1,2 millóns de euros.

Máis de 27 M€ investidos nos últimos anos

O investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais da comunidade, tanto GES como Protección Civil, supera os 27 millóns de euros nos últimos anos. Ademais, segundo aclarou o conselleiro de Presidencia, o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento, pese a tratarse dunha competencia local. Tamén financia os gastos de mantemento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil a través dunha orde anual dotada de máis de 340.000 euros e que este ano beneficiou 191 entidades.

A colaboración da Xunta garante que os GES sigan prestando servizo público en materia de emerxencia, protección civil e prevención de incendios forestais. Neste sentido, os grupos teñen competencia para intervir en incendios -tanto urbanos como forestais-, para definir e manter as redes de faixas de xestión da biomasa de prevención e para levar a cabo prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, para crear descontinuidades da cuberta vexetal. Tamén fan prevención naqueles camiños e espazos públicos que poidan ao mesmo tempo servir de cortalumes.

Ademais, seguirán coa realización de actuacións de prevención da vespa velutina por seguridade da poboación, tales como o control e retirada de niños, entre outras actuacións. Continuarán intervindo en situacións de risco e emerxencia para manter a rede se estradas, mediante a súa limpeza a retirada de obxectos, especialmente no caso de accidente. Tamén poderán actuar no caso de situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra e situacións de seca, entre outros traballos.

Data de actualización: 26/07/2024