A Xunta destina preto de 1,5 millóns de euros ao fomento da apicultura neste 2024 e prioriza a loita contra a vespa velutina

A Consellería do Medio Rural publica a resolución destas axudas no Diario Oficial de Galicia, que benefician a máis de 2.200 explotacións

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2024

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se resolven as axudas destinadas ao fomento da apicultura galega. Nos últimos dez anos, a Xunta destinou máis de nove millóns de euros a esta cuestión e o orzamento da convocatoria actual ascende a preto de 1,5 millóns de euros, mediante os que se beneficiarán 2.200 explotacións.

Destas achegas destaca especialmente a loita contra a vespa velutina, que pasou a ocupar o primeiro lugar na prioridade de reparto dos fondos. Ademais, estas axudas invístense tradicionalmente en persoal especializado, nos tratamentos contra o ácaro da varroase ou na alimentación. Respecto ao orzamento total, a maior porcentaxe neste 2024 destinouse á liña de alimentación e outras accións para revitalizar colmeas, con preto do 45% do total das axudas, mentres que o 32,5 % do importe foi para a loita contra a varroase, arredor do 15% destinouse á contratación de persoal e o 7,7% para a loita contra a velutina.

Nos últimos dez anos, a Xunta destinou máis de nove millóns de euros ás axudas para a apicultura galega, segundo un informe da Consellería do Medio Rural do que tomou razón esta semana o Consello do Goberno autonómico. Nesta liña, destacan tamén os efectos positivos do apoio público na actividade apícola, que cada ano incrementa o número de explotacións e de colmeas beneficiarias. Así, tal como se destaca no documento, Galicia pasou de menos de 100.000 colmeas subvencionadas en 2015 a preto de 200.000 na actualidade, e o número de explotacións subvencionadas tamén se duplicou, pasando de pouco máis de mil a 2.200 hoxe en día.

Os principais obxectivos destas axudas son o mantemento e o fomento desta actividade en Galicia, polos moitos beneficios que as abellas achegan dende o punto de vista ambiental e económico. O informe constata que esta finalidade se está cumprindo, consonte a esa evolución favorable do número de colmeas e de explotacións nos últimos anos, que converten a Galicia nunha das principais comunidades autónomas do sector.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240726/AnuncioG0426-150724-0010_gl.html.

Data de actualización: 26/07/2024