A Xunta impulsa melloras en 145 establecementos turísticos cun investimento de 3,5 M€

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da liña de subvencións anuais dirixidas a negocios de aloxamento como de restauración da Comunidade galega

En total, beneficiáronse nesta convocatoria 46 restaurantes en 99 establecementos de aloxamento en toda a Comunidade galega

Entre outras accións sufráganse melloras de accesibilidade, obras para adaptarse a normativas e mellora da clasificación, aforro enerxético ou dixitalización

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas de 3,5M€ que sufragan as actuacións de accesibilidade, dixitalización ou modernización que fagan os establecementos turísticos galegos, tanto de aloxamento como de restauración, e das que se benefician este ano un total de 145 establecementos turísticos.

As subvencións convocadas por Turismo de Galicia concedéronse en réxime de concorrencia competitiva e foron beneficiarios un total de 46 restaurantes e 99 establecementos de aloxamento. Por provincias, na de A Coruña benefícianse 44 negocios turísticos (21 aloxamentos e 23 restaurantes), na de Lugo a cifra é de 14 (10 aloxamentos e 4 restaurantes), na de Ourense foron cinco (2 aloxamentos e 3 restaurantes) e en Pontevedra a cifra é de 82 (66 aloxamentos e 16 restaurantes).

Esta liña de axudas enmárcase no traballo da Xunta de Galicia por apostar por apoiar ao sector turístico na mellora e actualización dos seus establecementos e afondar así na calidade do destino. Entre os proxectos presentados sufráganse, entre outras actuacións, as que estean destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. Tamén obras que melloren as instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística ou actuacións que permitan a adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.

Aforro enerxético

Esta liña de axudas tamén sufraga as actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento do contorno da instalación, equipamentos mobles necesarios para o funcionamento, obras de climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire

Tamén inclúe tamén actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento, e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2024