Así o acordaron esta mañá o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, nunha reunión de traballo na que avaliaron o Plan funcional do novo centro de saúde de cara á axilización da súa construción

A Xunta licitará antes de que remate o ano a redacción do proxecto básico e de execución do novo centro de saúde de Ponteareas

O novo centro de saúde situarase no lugar de Barral e disporá de máis de 5.700 m²

A nova infraestrutura optimizará a calidade asistencial do municipio, ampliando os seus espazos e o seu cadro de persoal

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

Antes de que remate o ano a Xunta licitará a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Ponteareas.

Así o acordaron o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, na reunión de traballo mantida esta mañá na que avaliaron o Plan funcional do novo centro de saúde de cara á axilización da súa construción.

No encontro tamén participaron a directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente.

O titular do departamento sanitario da Xunta e a rexedora municipal revisaron o Plan funcional desta nova infraestrutura sanitaria  que substituirá o actual centro de saúde, con máis de 35 anos de antigüidade. O Executivo galego optimizará a cobertura asistencial da poboación dos concellos de Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario e O Covelo.

De acordo ao Plan funcional, o novo centro, que se construirá no lugar de Barral e disporá de máis de 5.700 metros cadrados, ampliará os espazos dedicados á asistencia sanitaria. Contará cunha consulta máis de medicina familiar (en total 9); unha consulta máis de saúde bucodental (en total 2); 2 novas sala polivalentes (en total 4); e unha nova consulta para pacientes con infeccións.

O Servizo Galego de Saúde tamén mellorará a unidade de saúde mental dotándoa de 2 consultas de psiquiatría, 1 de psicoloxía clínica, 1 de enfermería, 1 de traballo social, 1 de docencia e unha sala de actividades grupais.

Ademais, e no que atinxe aos coidados dos nenos e nenas ponteareáns, o novo centro de saúde disporá de 2 consultas de pediatría, 2 de enfermería pediátrica e unha nova sala para observación e tratamento, e outra de paciente respiratorio.

No futuro Punto de Atención Continuada, PAC, haberá unha sala de reanimación e 2 novas de observación; 3 consultas de medicina (1 máis); 3 de enfermería (1 máis); e pasará de contar con 5 dormitorios a 8 e con 2 novos vestiarios. Ademais disporá dunha base do 061 composta de 2 dormitorios, unha sala de estar e aseos.

A construción da nova infraestrutura sanitaria suporá a ampliación de persoal, pois o centro de saúde dotarase dun facultativo máis, un odontólogo e senllos profesionais en formación de Medicina de Familia e Comunitaria, e de Enfermería.

O cadro de profesionais está composto por 15 médicos, 3 pediatras, 1 farmacéutico, 15 enfermeiros, 3 técnicos en coidados auxiliares de enfermería, 8 prazas de persoal de servizos xerais, 2 odontólogos, 1 profesional en formación en médico de familia e 1 de enfermería, 3 matronas, 3 fisioterapeutas, 1 traballador social e 2 hixienistas. Ademais, o PAC contará con 9 médicos e 9 profesionais de enfermería.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2024