A Xunta comeza as obras de acondicionamento das vías próximas ao enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55

Os traballos iniciáronse coas melloras da drenaxe dunha canle fluvial entre a A-55 e o ramal de enlace coa N-551 e do pavimento do viario municipal afectado pola actuación nesta zona

A intervención conta cun investimento de máis de 1M€ e permitirá mellorar as condicións das vías afectadas pola execución da nova conexión da autovía

Actuarase no treito da N-551 que discorre entre as interseccións do antigo enlace da autovía e que pasará a ser de titularidade autonómica, construíndo beirarrúas e reordenando o aparcadoiro

Renovarase o firme dun treito da A-55 e instalaranse pantallas acústicas adicionais

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2024

A Xunta acaba de iniciar as obras de acondicionamento das vías situadas na contorna do enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, en Tui.  

Esta actuación, na que a Administración autonómica inviste máis dun millón de euros, ten como obxectivo realizar adaptacións do viario á nova configuración da circulación tras a execución da conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de  Areas, en funcionamento desde o pasado mes de febreiro tras un investimento autonómico de 26 M€.

En concreto, realizaranse intervencións nun treito da N-551 que pasa a ser autonómico, na autovía A-55 e en viarios municipais do polígono de Areas e da súa contorna que resultaron afectados pola execución das obras da autovía. 

Os traballos comezaron esta semana coa mellora da drenaxe dunha canle fluvial entre a A-55 e o ramal de enlace coa N-551, e tamén coa mellora do pavimento do viario municipal afectado pola execución da obra, na mesma zona

As intervencións no treito da N-551 incluirán a adaptación da sección transversal, con eliminación do carril central que quedou sen uso, a construción de beirarrúas e a reordenación do aparcadoiro. Nos vaos peonís colocarase pavimento táctil. Tamén se procederá á reposición do firme existente, á disposición dunha parada de autobús, á execución dunha nova rede de pluviais ou á mellora da rede de iluminación.

No caso das actuacións na A-55, centraranse na renovación do firme e na instalación de pantallas acústicas adicionais.

Prevense, ademais, outros remates como o acondicionamento das glorietas do polígono de Areas por onde se desviou o tráfico e melloras en distintos camiños municipais da contorna do polígono.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/07/2024