A Xunta presentará alegacións ao concurso do nó de transición xusta de Meirama convocado polo Goberno

Así se decidiu logo dunha xuntanza á que foron convocadas as principais organizacións sindicais, a Confederación de Empresarios de Galicia, a Fegamp, a Cámara Oficial Mineira, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, a Federación Ecoloxista Galega e o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez García

Un dos principais motivos para alegar é que o borrador unicamente prevé a convocatoria de 408MW, 150MW menos dos que tiña a central térmica instalada

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

O comité executivo de Enerxía do Consello Galego de Economía e Competitividade, dependente da consellería de Economía e Industria, acordou presentar alegacións ao borrador do concurso do nó de transición xusta de Meirama (220kv) convocado polo Goberno o pasado 15 de xullo.

Así se decidiu logo dunha xuntanza á que foron convocadas as principais organizacións sindicais, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Fegamp, a Cámara Oficial Mineira, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, a Federación Ecoloxista Galega e o Concello de Cerceda, a través do seu alcalde, Juan Manuel Rodríguez García.

O comité de Enerxía está presidido polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila e, por parte da Xunta, nel está representada, ademais da Consellería, a Axencia Galega de Innovación (Gain), o Instituto Económico de Galicia (Igape), o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Un dos principais motivos para alegar é que o borrador unicamente prevé a convocatoria de 408MW, 150MW menos dos que tiña a central térmica instalada. Un documento que, tal e como se dixo na xuntanza, chega con retraso, pois debería terse acompasado cos traballos de demolición e desmantelamento da central.

O obxectivo do concurso convocado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, por medio do Instituto para a Transición Xusta, é outorgar dereitos de acceso á rede eléctrica a proxectos de renovables e almacenamento que se executen en zonas vinculadas ao peche de centrais térmicas de carbón, como é o caso de Meirama, para mitigar o impacto do seu desmantelamento e asegurar a reindustrialización destas zonas.

Nese sentido, o comité tamén considera que se debe valorar a viabilidade ambiental dos proxectos pero sen ter que recorrer ao mapa de sensibilidade ambiental do ministerio, que unicamente é unha ferramenta orientativa. Ademais, alegarase que deben establecerse mecanismos que garantan a compatibilidade dos proxectos adxudicatarios.

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, convidou aos asistentes a que remitiran as súas achegas para poder elaborar unhas alegacións consensuadas que enviar ao Instituto para a Transición Xusta e así traballar entre todos en favor dunha adecuada reconversión e reindustrialización das comarcas afectadas polo peche das centrais térmicas en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2024