A Xunta compartirá a experiencia da comunidade de montes de couso como exemplo de boas prácticas no segundo seminario do proxecto interrexional GIFT

O obxectivo do encontro temático que celebrarán a comezos de 2025 os 10 socios europeos da iniciativa, iniciada en 2023 e cun orzamento de 1,9 M€, será intercambiar casos de éxito nos distintos territorios en materia de infraestrutura verde

O Instituto de Estudos do Territorio foi elixido pola Comisión Europea para liderar a iniciativa, impulsada no marco do programa Interreg e cunha duración de catro anos

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2024

A Xunta, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), vén de identificar á comunidade de montes veciñais en man común de Couso, no concello pontevedrés de Gondomar, como un dos exemplos de boas prácticas e xestión sostible existentes en Galicia que compartirá cos seus socios europeos durante o segundo seminario temático que se celebrará no marco do proxecto GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees) a comezos de 2025.

Así o avanzaron os representantes do IET hai uns días no marco dun encontro celebrado precisamente no Centro Cultural de Couso e ao que asistiron tamén o presidente da mancomunidade, Xosé Antón, ademais de veciños, investigadores e expertos do sector ambiental e forestal, que expuxeron a evolución dos traballos e iniciativas xestionadas nesta zona ao longo dos últimos anos, información que se completou cunha visita de estudo a diferentes áreas dos montes de Couso para coñecelos de primeira man.

Tomando como exemplo esta experiencia, durante a reunión (a cuarta que celebran os axentes territoriais interesados no marco do GIFT) aludiuse á importancia de apostar pola multifuncionalidade do monte, tanto desde o punto de vista ambiental, ao aumentar a biodiversidade presente nestes espazos, como socioeconómico, xa que favorece o mantemento da poboación na zona e a creación de emprego a nivel local.

Así, a xestión levada a cabo nesta comunidade de montes —a nivel produtivo, non produtivo, educativo e cultural— constitúe un bo exemplo de éxito, dado que á explotación forestal tradicional e á progresiva substitución de especies alóctonas e invasoras, como eucaliptos e acacias por castiñeiros, nogueiras ou cerdeiras, engadiron alternativas novidosas e que están a demostrar ser unha opción rendible (por exemplo, extracción de resina, produción e venda de shiitake (setas), de arandos, grosellas e framboesas ou de castañas, aposta polo bosque da Memoria e o bosque da Lingua, etc).

Ademais, tamén se expuxo a intención de avanzar na definición dun proxecto piloto de interese para verificar as melloras alcanzadas na xestión da paisaxe mediante a inclusión do enfoque da infraestrutura verde para que, á súa vez, poida ser transferible e replicable en diferentes áreas xeográficas da UE. A solicitude e concreción desta acción piloto definirase coas partes interesadas (skateholders) nos próximos meses, despois da revisión intermedia do proxecto.

Para liderar o GIFT, cuxa misión é establecer medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde e da paisaxe e cunha duración prevista de catro anos (2023-2026), a Comisión Europea seleccionou á Xunta, que delegou no IET a misión de coordinar esta iniciativa.

Impulsado no marco do Interreg Europe-Feder e cun orzamento de 1,9 millóns de euros —o 80% procedente de fondos europeos e o 20% restante achegado pola Xunta—, o proxecto pon especial énfase e atención nos bosques, árbores e paisaxes que albergan os territorios asociados, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga ou a fixación de carbono, entre outros.

No GIFT, participan 9 entidades máis de países e rexións da Unión Europea: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/07/2024