Intervención do presidente da Xunta na cerimonia de entrega das Medallas de Galicia 2024

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

Autoridades,

Galardoados,

Señoras e señores:

 

O primeiro é saudar a todas as persoas que nos están seguindo, as enchen esta sala e aos milleiros de persoas que están seguindo esta retransmisión a través dos medios públicos galegos tanto na Galicia territorial, nas catro provincias, coma nesa Galicia universal que está presente en tantas partes do mundo.

Hoxe, por suposto, o noso corazón de galegos ten que estar nas augas da Malvinas. O noso corazón está cos falecidos, coas súas familias e achegados, e con todas as vítimas dese naufraxio e de todos os naufraxios que, por desgraza, tantas veces castigaron a nosa xente do mar. 

Hoxe Galicia enteira abraza a eses mariñeiros, como tantas veces – por desgraza  demasiadas- tivemos que facer antes. Con todo o cariño e con toda a determinación. Poden contar con nós.

E hoxe, por suposto, tampouco podemos esquecernos das vítimas do accidente ferroviario de Angrois. Hoxe, cando se cumpren 11 anos daquel sinistro que sempre teremos na memoria, vaia todo o noso cariño para as súas familias.

Esta é unha terra na que nos apoiamos e nos respectamos. Por iso xa hai 40 anos, nos albores da autonomía, o entón presidente Albor asinaba o decreto de creación da Medalla de Ouro de Galicia. 

Polo tanto, desde o ano 1984, homes e mulleres de moi diversa procedencia e moi diversa condición teñen sido recoñecidos co máximo galardón que outorga Galicia. Este galardón recoñece as achegas de todos os que destacaron en moi diversos eidos polo seu traballo e polo seu amor a Galicia.

Di o decreto fundacional desta Medalla o seguinte: “Cómprelles ás sociedades que teñen conciencia do seu ser e da súa presencia histórica, recoñecer e honrar ás persoas e institucións que lles prestasen  relevantes e meritorios servizos, que sexan dignos de agradecemento público”. Con razón o noso refraneiro di que é de ben nacidos ser agradecidos.

E este é o agradecemento e recoñecemento público que hoxe tributamos ao actor Luis Tosar, á produtora Zaza Ceballos e á Academia Galega do Audiovisual, que son claros expoñentes dun sector -o audiovisual- absolutamente cada vez máis estratéxico para Galicia. Estamos recoñecendo que coidan a tradición, que están abertos á innovación e que teñen moi presente o talento creador. 

Luis Tosar é unha das figuras máis recoñecidas da escena galega, da escena española e da escena internacional. Aquí empezou e de aquí nunca se esqueceu. E hoxe tamén recoñecemos iso. É protagonista dunha carreira de éxito, dunha enorme carreira de éxito forxada a partir do esforzo, da humildade, de saber onde empezou e da súa enorme capacidade interpretativa que sempre está presente. Polo tanto, un recoñecemento absolutamente merecido.

Igual que é un recoñecemento merecido premiar as máis de tres décadas de talentosa traxectoria da produtora e directora de cine e televisión, Zaza Ceballos. É unha das profesionais máis respectadas do sector, sen ningunha dúbida, e puidemos velo cando se anunciou a concesión da Medalla. O seu nome está detrás de grandes éxitos da pequena e a gran pantalla. Desde a súa empresa, Zenit TV, ten realizado milleiros e milleiros de horas de produción de distintas obras que se difundiron e se difunden por moitísimas canles.

A terceira das Medallas ten un destinatario colectivo: á Academia Galega do Audiovisual. Un recoñecemento dirixido a todos os profesionais que a integran, máis de 500: guionistas, intérpretes, directores, realizadores e un longo etcétera de persoas, moitas veces anónimas, pero todas absolutamente imprescindibles para que calquera proxecto audiovisual en Galicia e en moitos sitios chegue a bo termo. Polo tanto é un premio ao talento e a creatividade de todos e cada uno dos profesionais que integran esta Academia.

Entregamos tres medallas, polo tanto, que recoñecen a excelencia dos seus destinatarios, pero con elas como xa se dixo queremos distinguir un conxunto de persoas que traballan todos os días. Desde profesionais absolutamente consagrados ata persoas anónimas e persoas que están empezando e que están iniciando a súa carreira coa mesma ilusión e coa mesma forza coas que eles as iniciaron no seu momento.

Polo tanto, o éxito pasado, o éxito presente pero sobre todo o éxito futuro do noso audiovisual galego será sempre o resultado dun esforzo coral que hoxe poñemos en valor porque é necesario.

E máis aló das caras visibles sempre hai traballo anónimo e calado que non sae na foto e que hoxe tamén está aquí presente. 

O audiovisual eríxese, xa se dixo, coma unha potentísima plataforma de promoción, que ten alcance universal e que fala da Galicia dos nosos días, do que foi Galicia e do que quere ser no futuro. Todo iso ten enormes repercusión en moitísimos ámbitos.

O audiovisual hoxe en día constitúe unha fonte de riqueza, unha fonte de emprego -de moitísimo emprego, e isto hai que repetilo tamén moitas veces- e de canalización da inmensa forza creativa que, afortunadamente, teñen os profesionais galegos que se dedican a esta actividade.

E o potencial do noso audiovisual, efectivamente, aséntase nun sector privado dinámico, que afrontou moitos retos, e que traballa arreo a diario. E esa é a clave, sen ningunha dúbida. Pero tamén, por iso, o noso deber como administracións é apoialo en todo o que poidamos, favorecer a súa capacidade de crecemento e facer todo o posible para que se multiplique.

Creo que así foi ata o de agora, ou polo menos o intentamos. Todas as administracións, de todas as cores políticas, creo que tiveron claro na Xunta de Galicia que o audiovisual merecía ser atendido e valía a pena todo o que se apoiaba. Eu así agardo que continúe sucedendo no futuro, de maneira más intensa a ser posible, que creo que é posible. Temos moitísimos retos por diante, que os profesionais do audiovisual coñecen mellor que ninguén: todas as plataformas, os novos hábitos de consumo...Todo ese mundo, cada vez máis global e cada vez máis inmediato, ten un enorme potencial se sabemos aproveitalo. 

Atravesamos momentos convulsos, sen ningunha dúbida. Esas Mareas Vivas que se aludían antes anticipan para algúns un cambio de ciclo; e, para outros, directamente un cambio de era. En todo caso, cambios, sen ningunha dúbida. Cando hai cambios, a xente necesita respostas e sempre busca certezas.

Os diferentes conflitos -tremendos, terribles, que temos agora mesmo presente en moitos puntos do noso planeta, algúns máis coñecidos, algúns con máis presenza mediática, e outros non tanto pero igual de desoladores- recórdannos a crueldade e o terror que pode provocar o ser humano ás veces parece incrible.

Esa crise migratoria que apela á conciencia do primeiro mundo, sen dúbida, urxe unha resposta global. Ten que ter unha resposta global, máis aló de parches puntuais ou de solucións inmediatas.

E creo que en Galicia sabémolo perfectamente. Fomos terra de emigrantes e agora temos que ser terra de acollida. Non se entende o noso pasado, non se entende o noso presente e, sinceramente, creo que non se entenderá o noso futuro se non temos presente que temos que ser unha terra de acollida. Coñecemos o drama da emigración e por iso, quéroo dicir unha vez máis, Galicia será sempre terra solidaria cos restantes territorios do noso país e cos restantes territorios do mundo.

Amigas e amigos, a democracia -e creo non debe custarnos recoñecelo, porque é o primeiro camiño para empezar a solucionalo- atravesa a día de hoxe unha crise de credibilidade fronte á que todos estamos chamados a actuar, porque todos estamos concernidos.

Creo que nas democracias, as disputas, por moi enconadas que sexan, por moi radicais que parezan, sempre teñen unha única solución que é falar, dialogar e votar, en democracia e en liberdade. Lonxe de toda violencia, sexa física -con exemplos tremendos que estamos vendo todos os días- como incluso verbal, que ás veces non lle damos importancia, pero é antesala de violencias moito peores.

Dicía o profesor Justo Beramendi, recentemente falecido, que “cando hai desigualdade, sempre hai tensión”.

Polo tanto, o noso deber, especialmente dos que temos responsabilidades políticas, públicas, ten que ser sentar as bases e traballar para evitar que haxa desigualdades e cando as haxa, que as hai, intentar superalas.

En definitiva, consolidar o estado de benestar, que é complexo, é unha tarefa diaria, unha tarefa á que non podemos renunciar. Iso ten que estar no noso ADN. A solidariedade ten que ser unha das características definitorias, creo que o é, pero ten que seguir sendo, do pobo galego. 

Desde sempre, aquén e alén do mar. Co concurso de todos,  ten que seguir sendo así no futuro. Galicia cumpriu e ten que seguir cumprindo. Outrora e arestora. Temos que cumprir sempre.

E por iso creo que na véspera do noso día grande, temos que aproveitar para intentar reflexionar sobre o traxecto percorrido ata o de agora, onde estamos neste momento e, sobre todo, onde queremos ir.

Eu creo que estamos nunha Comunidade avanzada, nunha comunidade orgullosa como poucas dos seus propios sinais de identidade, que temos unha lingua e unha cultura como bandeiras coa que podemos ir polo mundo.

Creo que somos, e temos que seguir sendo, unha Comunidade leal, unha Comunidade solidaria co conxunto do noso país e sempre aberta ao resto do mundo, especialmente a unha Europa común coa que temos unha relación preferente que levamos cultivando séculos a través do Camiño de Santiago, que explica gran parte da historia do noso continente. 

E creo que debemos ser unha Galicia conectada e orgullosa do seu pasado, que teña moi en conta o presente, e que encare con optimismo -sempre hai que ser optimistas- un futuro que non vai ser sinxelo. 

Por iso eu lle agradezo moitísimo a persoas como Luis Tosar, como Zaza Ceballos e a todas as persoas, as máis de 500 persoas e entidades que integran a Academia Galega do Audiovisual, que desde hoxe queden integrados de xeito formal no universo dos bos e xenerosos, como di a medalla. Eu agradézolles que sigan sendo exemplos inspiradores de todo o bo que ten Galicia, que temos as galegas e os galegos. Agradézolles que fagan o que fan todos os días: traballar, crendo na súa profesión, amando a súa profesión, transmitindo esa ilusión e dando o mellor deles ao servizo común dunha Galicia que ten que ser cada día mellor.

Moitísimas grazas

Feliz Día de Galicia a todos e todas.

Moitas grazas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2024