A Xunta impulsa a colaboración coas federacións e asociacións en materia de consumo para potenciar a atención das persoas consumidoras

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou nunha xornada de traballo coas federacións e asociacións con máis de 5 anos de presencia no Consello Galego de Consumidores e Usuarios de Galicia

No marco deste encontro puxéronse en marcha cinco convenios de colaboración coa finalidade de reforzar a información e protección das persoas consumidoras e usuarias

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, participaron hoxe nunha reunión de traballo con federacións e asociacións de persoas consumidoras e usuarias para identificar liñas de traballo dirixidas á protección da cidadanía no eido do consumo. Aproveitando o acto, asináronse ata cinco convenios de colaboración.

En concreto, subscribiuse colaboración coa Federación galega de asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios Brétema, coa Federación galega Euroconsumo, coa Federación de usuarios e consumidores Independentes Fuciga, coa Unión de consumidores e usuarios de Galicia (Ucgal) e coa Asociación de usuarios de bancas, caixas e seguros Adicae, todas elas inscritas no Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia e presentes durante máis de 5 anos no Consello Galego de Consumidores e Usuarios de Galicia.

A través da cooperación con estas organizacións, as persoas consumidoras galegas poderán dirixirse directamente a estas federacións e asociacións de consumidores para informarse, presentar unha reclamación en materia de consumo e mesmo realizar unha fase previa de mediación coa empresa implicada no correspondente conflito.

Cómpre engadir que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC)  conta con oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas así como co teléfono de balde 900 23 11 23, que funciona de 9 a 14 horas e de 17 a 19 h. de luns a venres para ofrecer información e asesoramento en materia de consumo.  

Os consumidores tamén poden enviar as súas dúbidas por correo electrónico ou a través dun formulario que atoparán na web do organismo: https://consumo.xunta.gal/gl/igcc/contacto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2024