O Consorcio Casco Vello de Vigo continúa coa rehabilitación do Berbés e inicia a venda de dúas promocións de vivenda pública na zona alta do barrio

A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, presidiu o comité executivo e o consello de administración

Aprobada a adxudicación da reforma do edificio de Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 e o proceso de venda de Elduayen 31 e Subida ao Castelo 9

Vigo, 24 de xullo de 2024

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, presidiu este mércores o comité executivo e o consello de administración do organismo autónomo no que aprobouse a adxudicación das obras dun novo edificio de Berbés e iniciouse o proceso de venda de dúas promocións de vivenda pública xa rematada na zona alta do barrio vigués (Elduayen 31 e Subida ao Castelo 9).

O CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia, aprobou a adxudicación da reforma do edificio situado no número 39 da Ribeira do Berbés, tamén con saída ao número 2 da rúa San Francisco, por un importe de 498.844,13 euros. “Cumprimos cos obxectivos fundacionais deste organismo co ánimo de contribuír á recuperación desta zona para a cidadanía e de proporcionar vivenda de promoción pública”, sinalou Ana Ortiz.

A nova rehabilitación permitirá construír dúas vivendas de 90 e 106 metros cuadrados no Berbés, onde o CCVV xa adquiriu dez edificios permitindo a creación ata este momento de 6 vivendas, xa habitadas tras a súa adxudicación. A estas seis, situadas nos números 29, 31 e 41, sumaranse agora as dúas do número 39.

Outros catro edificios foron cedidos polo Consorcio para a creación da sede urbana da Universidade de Vigo (na agrupación dos números 11, 13 e 15) e do Albergue de Peregrinos de Vigo, promovido pola Xunta de Galicia, no número 5. O Consorcio adquiriu tamén o edificio situado no número 7, pendente aínda de rehabilitación.

Vivendas á venda no Casco Vello Alto

Por outra banda, o consello de administración aprobou o inicio do proceso de venda das vivendas de promoción pública de Elduayen 31 e Subida ao Castelo 9. Na primeira o CCVV  investiu un total de 1,4 millóns, sumando a compra do inmoble e a adxudicación dos traballos. Esta última actuación supón a posta a disposición da cidadanía de 6 novas vivendas de protección autonómica, de dous e tres dormitorios, e dun local comercial.

Seis promocións con 22 vivendas

O Consorcio Casco Vello, cuxo principal obxectivo é a rehabilitación do barrio histórico de Vigo, conta cunha partida total de 1.780.065 euros tras o desbloqueo do PAIF do próximo exercicio 2024. Desta cantidade máis do 87% teñen a consideración de investimento directo xa que se destinan á execución das obras de rehabilitación das vivendas propiedade do CCVV, correspondendo o resto a gastos operativos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2024