A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou por videoconferencia na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente

A Xunta urxe ao Goberno central a transferir os fondos cos que compensar e previr os danos do lobo para que Galicia non se vexa novamente penalizada

Ángeles Vázquez lembra que o Executivo galego recorreu nos tribunais a distribución de 2022 por discriminatoria e que a de 2023 non se chegou a realizar por erros da Administración central, polo que leva dous anos sen recibir recursos deste tipo

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático insiste na necesidade de que o Estado revise a inclusión do lobo no listado de especies silvestres con protección especial pois dificulta o equilibrio co sector gandeiro

O Goberno autonómico traslada a preocupación de Galicia ante a presenza dunha alga asiática invasora en fondos mariños da Coruña e Vigo, polo que insta ao Executivo central a actuar e anuncia a próxima creación dun comité científico galego para abordar en profundidade o xeito de atallar a súa proliferación

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

A Xunta urxiu hoxe ao Goberno central a que transfira canto antes ás comunidades autónomas os fondos para compensar e previr os danos que o lobo causa ao sector gandeiro co obxectivo de que Galicia non se vexa novamente penalizada nesta cuestión.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou por videoconferencia na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente onde mostrou a súa conformidade co reparto deses fondos -no que a Galicia lle corresponden 2,2 millóns de euros para medidas de prevención e 1,8 millóns de euros para danos- pero pediu que no momento de formalizar as transferencias non se produza ningunha discriminación como xa ocorreu hai dous anos.

A responsable autonómica lembrou que en 2022 o reparto foi inxusto coa comunidade galega por non apoiar a estratexia nacional, polo que Galicia interpuxo un recurso contencioso-administrativo que aínda non se resolveu. Mentres, o ano pasado non se chegou a facer esta distribución dos fondos entre as comunidades por problemas internos do Goberno central, polo que Galicia leva dous anos sen recibir fondos -12 millóns de euros que non ingresou no período 2022-2024-, o que supón un importante prexuízo para o sector gandeiro afectado e para a propia Xunta.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén insistiu na necesidade de revisar o nivel de protección do lobo e de adaptalo á realidade actual en cada zona, cuestión que tamén apoia a Comisión Europea, que xa expuxo a necesidade de flexibilizar e mesmo rebaixar ese nivel de protección.

Galicia conta na actualidade con algo máis de 90 mandas de lobos que o ano pasado atacaron máis de 2.800 reses, cos correspondentes custos para os gandeiros. Por iso, a comunidade considera que o estado do lobo non é desfavorable e agarda que o Goberno central rectifique a decisión de incluílo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe) atendendo aos últimos datos dispoñibles para evitar que siga dificultando o equilibrio entre a especie e o sector gandeiro galego.

Alga asiática

Ángeles Vázquez aproveitou a ocasión para trasladar tamén a preocupación de Galicia pola presenza nas súas costas da alga asiática invasora Rugulopteryx okamurae, unha especie que comezou a aparecer hai anos noutras comunidades como Andalucía e que foi incluída a finais de 2020 no Catálogo español de especies exóticas invasoras. Nesta liña, destacou que se constatou a existencia desta especie nas rías da Coruña e Vigo e apelou á implicación de todas as institucións para atallar a súa proliferación.

A responsable autonómica lembrou que a Xunta trasladou esta cuestión o mes pasado ao Ministerio de Transición Ecolóxica e que xa existe unha estratexia nacional de control desta especie -aprobada en 2022- polo que pediu ao Goberno central que avance no seu desenvolvemento e aplicación. Neste sentido, lamentou que os movementos a nivel nacional se limitasen á elaboración dese plan e que non se materializasen en ningún tipo de actuación concreta no medio.

Ante esta situación, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático trasladou que o Executivo galego vai constituír un comité científico no que participarán distintos departamentos da Administración galega, entidades investigadoras, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o sector pesqueiro, grupo ao que a comunidade tamén convidará a representantes do Goberno central.

O obxectivo desta comisión de expertos será elaborar un plan de xestión da biomasa derivada desta especie e analizar os posibles impactos da súa expansión tanto económicos no sector pesqueiro como ecolóxicos para o medio ambiente, ao tratarse dunha posible ameaza para a biodiversidade dos fondos mariños.

Queixa

Durante o encontro Ángeles Vázquez tamén manifestou o descontento de Galicia e doutras comunidades pola tardanza do Executivo central en convocar a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente. Nesta liña, incidiu en que non se pode tardar nove meses en celebrar esta reunión coas comunidades autónomas e despois concentrar nunha única sesión 22 puntos da orde do día. Por iso, pediu seriedade para abordar cuestións que son de suma importancia para as comunidades autónomas e que non poden agardar tanto tempo para buscar posibles solucións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2024