O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visita a montaxe dos escenarios nas illas de San Simón e Santo Antón

O Festival Sinsal celebra esta fin de semana unha nova edición co patrocinio da xunta a través de FEST Galicia

O evento sorprende ao público do 26 ao 28 de xullo cun cartel secreto conformado por 26 bandas de diversos estilos e procedentes de 15 países

Mañá haberá unha actividade previa no porto de Vigo coa actuación de ‘Ombligo’, para a que quedan entradas á venda con descontos para titulares do Carné Xove da Xunta

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achégalle un financiamento de 70.000 euros a esta cita musical adherida á marca de festivais do Goberno galego e incluída no programa estival de actividades ‘CulturON’

Redondela (Pontevedra), 24 de xuño de 2024

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia celebrará a súa nova edición na illa de San Simón os días 26, 27 e 28 de xullo co apoio da Xunta a través de FEST Galicia, a marca impulsada desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a promoción do noso territorio como destino musical de calidade, que este ano lle achega 70.000 euros por medio dun contrato de patrocinio. O evento, cun cartel artístico secreto que o público só descobre ao desembarcar, volverá ofrecer unha programación caracterizada pola diversidade de estilos e orixes das máis de 20 bandas e solistas de 15 países de Europa, África, América e Asia, que convivirán no corazón da Ría de Vigo consolidando este encontro sonoro, recoñecido como un dos máis coidados e singulares do panorama musical estatal.

Cada ano, Sinsal ofrécelle a un público reducido (800 persoas por día) a posibilidade de gozar dunha mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento nun escenario excepcional: o arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón, un espazo declarado Ben de Interese Cultural, ao que se trasladou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, para visitar a montaxe dos cinco escenarios cos que contará esta edición xunto aos responsables do festival, Luis Campos e Julio Gómez, e demais representantes do resto de institucións colaboradoras.

O representante da Xunta felicitou á organización pola súa capacidade para ofrecer unha proposta cultural diferenciada, elaborada con sensibilidade e baixo criterios de diversidade, calidade, igualdade e compromiso coas formacións galegas. Estes elementos sitúan o Sinsal dentro do panorama global como un festival de culto, recoñecido pola crítica musical, e que cada edición esgota os seus abonos en poucas horas, como volveu suceder este ano.

Apertura no porto de Vigo

Por segundo ano consecutivo, o evento ofrece unha xornada previa destinada a poñer en valor os océanos, alén da súa relevancia na superficie do planeta, como as grandes vías de divulgación e riqueza cultural. O Escenario Océano naceu en Sinsal 2023 como epílogo do mesmo no Mosteiro de Oia para trasladarse este ano á xornada de apertura nunha localización que é un dos piares do patrimonio industrial de Vigo: o seu porto.

Este será o punto de partida da edición 2024, na tarde de mañá, 25 de xullo, nas instalacións de Kaleido Logistics. A xornada acollerá unha visita guiada polos terreos portuarios, que se abren de forma excepcional á cidadanía, un coloquio e o concerto do grupo Ombligo, liderado polos madrileños Anika e Ángel Cáceres e caracterizado pola fusión estilística en temas nos que flúe o folclore balcánico, o bolero ou mesmo o jazz contemporáneo. As últimas entradas dispoñibles para esta singular actividade, que se poden adquirir a través da web de Sinsal, contan cun desconto do 15% para as persoas titulares do Carné Xove da Xunta de Galicia.

Actividades paralelas

Sinsal SON Estrella Galicia completa a súa programación con actividades paralelas como as iniciativas incluídas na Escola Sinsal, vinculadas á historia do rexistro sonoro, cunha exposición didáctica que percorre a traxectoria de música gravada en Galicia, na que participan oito artistas do mundo do cómic; as Sesións Malmequeres, que recuperan arquivos sonoros domésticos; e unha nova edición das Sesións San Simón, nas que as bandas e solistas realizan gravacións breves dos seus temas nun cilindro fonográfico de cera baixo a dirección do investigador sonoro Aleks Kolkowski, e #sinsalsenrastro, que acollerá o obradoiro para público familiar Binomios fantásticos, no que as persoas participantes explorarán as diferentes posibilidades creativas, lúdicas e estéticas que ofrecen os materiais que se reutilizarán durante a sesión.

O público tamén terá a posibilidade de participar en Descubre San Simón, as rutas individuais e colectivas dirixidas a coñecer o patrimonio natural, cultural e histórico de San Simón e Santo Antón. Así mesmo, os microconcertos acústicos interpretados pola Orquestra Clásica de Vigo farán soar as composicións de Reveriano Soutullo, autor moi vinculado ao territorio e protagonista dunha nova parada no percorrido deste ano.

Sinsal propón, ademais, un paseo co investigador Xosé Lois G. Faílde, quen nesta ocasión presentará Illario pantasma, unha ruta que con tres estacións: Espectros botánicos, onde coñecer o corpo fitolóxico da paisaxe; Pantasmas literarios, sobre a pegada difusa do imaxinario da escrita da illa; e Pa(i)saxes esquecidxs, arredor da xenealoxía política soterrada no lugar. A organización do festival contará de novo coa colaboración da asociación de turismo mariñeiro Amarturmar para coñecer máis polo miúdo e a través dunha andaina os recursos naturais e industriais da contorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2024