A Xunta saca a concurso a adxudicación de dúas parcelas para a construción de vivenda protexida no Bertón, no concello de Ferrol

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, deu a coñecer as condicións do concurso no almorzo informativo que hoxe mantivo na cidade con representantes do sector inmobiliario e cooperativistas, no que destacou o avance que está a experimentar Ferrol, “sinónimo agora mesmo de oportunidades e futuro”, que a Xunta está a reforzar con investimentos en infraestruturas e dotación de vivenda pública

Os prezos das parcelas están un 64% de media por debaixo do anterior concurso convocado en novembro de 2022

Poderán adxudicarse en réxime de dereito de superficie ou en compravenda

Ferrol, 24 de xullo de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, subliñou hoxe o “potencial” do concello de Ferrol, un municipio que, como destacou, “é sinónimo de oportunidades e futuro” e que a Xunta está a reforzar con importantes investimentos en infraestruturas, como o proxecto “Abrir Ferrol ao mar”, cun investimento de 11M€, e a dotación de vivenda pública. M. Allegue puxo esta situación en valor no encontro que esta mañá mantivo, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, con representantes do sector inmobiliario e cooperativistas, e destacou que nesta aposta “por un Ferrol revitalizado”, o sector inmobiliario “ten moito que aportar e vai contar coa axuda da Xunta”.

E nesta aposta pola dotación de vivenda pública, M. Allegue avanzou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de convocar un concurso para a adxudicación de dúas parcelas de solo residencial no polígono ferrolán do Bertón, en Ferrol.

A conselleira explicou que unha das parcelas permitirá a construción por parte de promotores ou cooperativas de 24 a 30 vivendas protexidas, mentres que na segunda poderán edificarse de 24 a 26 vivendas. As dúas parcelas poderán adxudicarse en réxime de dereito de superficie ou en compravenda.

No caso de adxudicación das parcelas en dereito de superficie, o canon a pagar polos adxudicatarios é moi reducido: entre 119,90 e 227,66 euros ao ano, dependendo da parcela e de se a mesma se vai destinar á construción de vivendas de réxime especial ou xeral.

Neste caso, as vivendas deberán destinarse obrigatoriamente ao alugueiro a prezo limitado e a concesión será por un período de 60 anos, pasados os cales a administración recupera o solo e a propiedade das vivendas construídas.

Polo que respecta aos prezos de venda, oscilan entre 119.903 e 390.065 euros, tamén en función da parcela e o réxime das vivendas. No caso de solo adxudicado para compravenda, admítese o réxime concertado, ademais do especial e xeral.

Estes prezos están un 64% de media por debaixo do anterior concurso convocado en novembro de 2022.

As parcelas adxudicadas en compravenda poderán destinarse a vivendas para venda ou para alugueiro, nos dous casos con prezos limitados.

Os interesados deberán presentar unha proposta arquitectónica que será determinante no proceso de adxudicación, xa que todas aquelas propostas que non acaden os 25 puntos (sobre un total de 55) serán excluídas do proceso.

Para a adxudicación terase en conta preferentemente o réxime das vivendas e o seu destino, de maneira que terán preferencia as ofertas presentadas para vivendas de réxime especial en alugueiro e adxudicación do solo en dereito de superficie. En segundo estarán as vivendas para alugueiro de réxime xeral en parcelas adxudicadas en dereito de superficie. Despois seguirán as ofertas para parcelas en venda, dándose preferencia ás vivendas para alugueiro sobre as de venda.

Ademais, terase en conta a eficiencia enerxética e sustentabilidade das propostas arquitectónicas presentadas.

Os promotores e cooperativas interesados poderán presentar as súas ofertas ata o 25 de novembro de 2024. As bases do concurso poden atoparse na web de Xestur Galicia (www.xesturgalicia.com)

NÚMERO DA PARCELA

NÚMERO DE VIVENDAS

RÉXIME DAS VIVENDAS

PREZO DE VENDA

CANON ANUAL (DEREITO DE SUPERFICIE)

6

24 – 30

Especial

162.429,52

162,43

Xeral

227.657,44

227,66

Concertado

390.065,40

Non se acepta

7

24 – 26

Especial

119.903,40

119,90

Xeral

168.053,82

168,05

Concertado

387.941,32

Non se acepta

Por outra banda, a conselleira lembrou que en Ferrol está en trámites de adxudicación a redacción do proxecto para construír 27 vivendas de promoción pública na parcela 1 do polígono de Bertón e adxudicado o proxecto para levantar outras tantas vivendas na parcela 2, cun investimento conxunto de medio millón de euros. E está previsto, nunha segunda fase, licitar a redacción dos proxectos para levar a cabo 315 vivendas noutras 5 parcelas deste polígono ferrolán.

Engadiu que a Xunta dará impulso á dinamización da área Rexurbe de Ferrol, e sinalou que ao abeiro do programa Rexurbe se adquiriron xa 24 inmobles e neste momento está en marcha a rehabilitación de tres edificios na rúa Curuxeiras. E están en marcha as axudas do programa Barrio, por importe de 3,5M€, ademais das convocatorias das liñas de axudas para melloras de eficiencia enerxética.

M.Allegue tamén apuntou que a Xunta ten aberta ata o 31 de outubro a convocatoria de axudas para incentivar aos promotores privados a construír inmobles de vivendas de alugueiro accesible na comunidade autónoma, que contribúan a reforzar o parque residencial en alugamento.

A convocatoria está dotada con 14,7M€ e ten dúas modalidades. Dunha banda, a promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes de rehabilitación para destinalas ao alugueiro por un prazo de, polo menos, 15 anos, para a que se ofrecen axudas de ata 40.000 euros por vivenda. E, por outra, a promoción de vivendas para alugueiro, aloxamentos temporais, e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais e modalidades similares de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro ou ceder en uso por un prazo de, polo menos, 20 anos. Neste caso as axudas son de ata 50.000 euros por vivenda.

A conselleira concluíu reiterando o potencial do concello ao afirmar que “Ferrol rexuvenece” e lembrou o reto da Xunta de duplicar o parque público de vivendas nesta lexislatura ata chegar ás 8.000, así como o desenvolvemento de solo para permitir a creación de 20.000 vivendas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2024