O padroado da Fundación Galicia Europa aborda as prioridades de Galicia no novo mandato da UE

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da FGE explicou o proceso de renovación das institucións europeas e os obxectivos que están a perfilarse para o período 2024-2029

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

O padroado da Fundación Galicia Europa (FGE) celebrou a súa reunión semestral, presidida polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da FGE, Jesús Gamallo, onde abordou as prioridades de Galicia no novo mandato da Unión Europea. Así, a entidade traballa actualmente nos obxectivos para a defensa dos intereses galegos ante a UE trala renovación do ciclo institucional que se iniciou en xuño coa celebración das eleccións europeas.

De particular interese para Galicia é o debate sobre o orzamento comunitario posterior ao 2027, dado que a Comisión está a revisar todas as partidas de gasto para facer unha proposta en menos dun ano. A FGE está a traballar para defender o valor engadido dos fondos procedentes da política rexional, que agora representan preto dun terzo dese orzamento. A posible revisión da Política Pesqueira Común, obxecto actualmente dunha consulta pública, e a aplicación da normativa europea recentemente adoptada, como o regulamento de Restauración da Natureza ou a directiva de Enerxías Renovables, son outras das prioridades da FGE.

Na reunión do padroado tivo lugar tamén a presentación e aprobación da súa memoria de actividades do 2023. Ao longo do ano pasado, como representación de Galicia ante as institucións europeas, a FGE asistiu a máis de 250 reunións en Bruxelas, prestou apoio á participación institucional en 22 reunións do Comité Europeo das Rexións e organizou sete reunións entre institucións europeas e a Xunta. Ademais, máis de mil persoas participaron nas actividades da FGE, como os encontros virtuais Xunta-UE ou o curso de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa”.

Fundación Galicia Europa

A FGE é un ente instrumental do sector público autonómico que, dende 1988, actúa como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. A Lei 10/2021 reguladora da acción exterior de Galicia recolle o seu mandato para “exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado”.

Os seus catro ámbitos de actuación son: a defensa dos intereses de Galicia ante a UE, a promoción da participación galega en proxectos europeos, a difusión de información sobre a UE en Galicia e a formación sobre as institucións comunitarias. Para a consecución destes obxectivos, a FGE conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das máis de 200 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2024