A Xunta licita por 3,6 millóns de euros o novo contrato para o transporte aéreo de órganos nas áreas sanitarias da Coruña e Cee e de Santiago de Compostela e Barbanza

O prazo de presentación de ofertas mantense aberto ata o 21 de agosto

O contrato garantirá a dispoñibilidade dunha aeronave para o traslado de órganos para transplantes, así como do equipo sanitario e a tripulación necesaria para este tipo de intervencións

Terá unha duración inicial de tres anos, até 2027, podendo prorrogarse por 24 meses máis, en cuxo caso o importe estimado do contrato acadará os 6,2 millóns de euros

Galicia mantense como un das comunidades de referencia nos ámbitos da doazón e do transplante de órganos cuns incrementos de actividade, no primeiro semestre do ano, do 64% e do 32%, respectivamente

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

A Xunta publica no Portal de Contratos de Galicia a licitación do servizo de fletamento de aeronaves para o transporte aéreo de órganos humanos para transplantes, así como do persoal sanitario encargado da súa extracción.

O Servizo Galego de Saúde destinará un total de 3.677.237 euros para garantir esta cobertura durante os 3 vindeiros anos nas áreas sanitarias da Coruña e Cee e de Santiago de Compostela e Barbanza.

O obxectivo principal deste contrato é dotar a ambas as dúas áreas sanitarias dun medio de transporte áxil que permita ao persoal encargado da extracción chegar en tempo e forma ás persoas doantes e receptoras, garantindo a viabilidade dos órganos para o transplante.

Deste xeito, o contrato garantirá a dispoñibilidade dunha aeronave, coa súa correspondente tripulación, para levar a cabo o traslado do equipo sanitario desde a orixe e ata o aeroporto de destino; así como a recollida dos órganos xa extraídos, no aeroporto que se lle indique e ata o seu traslado final.

Unha vez iniciado este procedemento aberto, prevese que o contrato entre en vigor o vindeiro 1 de decembro, data na que remata o contrato en vigor, e estendería a súa duración até o ano 2027. O contrato tamén recolle unha posible prórroga, por 24 meses máis, cun investimento estimado neste caso que acadaría os 6.222.951 euros.

As empresas interesadas na prestación deste servizo teñen de prazo ata o vindeiro 21 de agosto para presentar as súas ofertas.

Con esta actuación, a Xunta reforza as prestacións sanitarias que lle achega á poboación galega en materia de transplantes, de acordo ao aumento de actividade que se produciu nas últimas décadas, e tamén polo incremento da súa demanda debido ao envellecemento da poboación.

A contratación deste servizo ten unha repercusión vital para moitas persoas que precisan a substitución dun (ou de varios) dos seus órganos. Xa que logo, incide de forma directa na calidade de vida dos galegos e galegas, acadándose uns servizos sanitarios eficientes, áxiles e coas máximas garantías.

Galicia, referencia en doazóns e transplantes

A comunidade galega continúa a ser unha das autonomías de referencia no que atinxe á doazón e aos transplantes de órganos.

Segundo os últimos datos da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), a actividade de doazón en Galicia aumentou nos primeiros seis meses deste ano un 64%, 82 doantes, respecto do mesmo período do ano 2023, cando foi de 50 doantes.

En canto aos transplantes, a actividade tamén se incrementou nun 32% en comparación co primeiro semestre do ano 2023, xa que se realizaron un total de 222 transplantes, fronte aos 168 dos primeiros seis meses do pasado ano.

No ámbito dos transplantes, destaca o aumento rexistrado nos de fígado, incrementándose nun 47% (66 transplantes fronte a 45); nos de pulmón un 39% (32 fronte a 23); e nos renais nun 31% (110 fronte a 84) respecto do ano 2023.

Así mesmo, cómpre destacar que no primeiro semestre do ano 2024 Galicia recibiu un total de 48 órganos procedentes doutras comunidades autónomas e mesmo doutros países de Europa, como Portugal e Francia.

Data de actualización: 24/07/2024