O Museo Etnolóxico dá a coñecer o patrimonio relixioso de Ribadavia coa sua nova exposición

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugura a nova mostra que estará dispoñible ata o 31 de decembro deste ano

O proxecto componse de 40 pezas nas que se inclúe ourivaría, tallas devocionais e unha selección do fondo documental do arquivo parroquial

Ribadavia (Ourense), 23 de xullo de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Patrimonio relisioxo, a nova mostra impulsada polo Museo Etnolóxico de Ribadavia para dar a coñecer a historia de Galicia e o municipio a través de pezas de ourivaría, tallas devocionais e unha selección do fondo documental do arquivo parroquial.

Na apertura da mostra, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou a importancia de “recoñecer o legado dos nosos devanceiros para seguir avanzando na construción da Galicia do futuro”. Neste senso, explicou que o proxecto inaugurado hoxe pon en valor o traballo de Francisco de Castro Canseco e Marcelo de Montanos, dous prateiros que exerceron o seu traballo na provincia de Ourense entre os séculos XVI e XIX.

En total, a exposición conta con 40 pezas procedentes das parroquias de San Domingos de Ribadavia e de San Cristóbal de Regodeigón, da provincia franciscana de Santiago de Compostela e do Seminario Maior Diocesano Divino Maestro. Entre elas atópanse, ourivaría litúrxica de latón, prata e prata sobredourada, libros sacramentais de confrarías e de historia local, tallas devocionais en madeira policromada. Dispoñible ata o 31 de decembro deste ano, a mostra compleméntase con dous audiovisuais.

Data de actualización: 23/07/2024